Catro anos do afundimento do Villa de Pitanxo
As familias agardan pola data do xuízo oral que esclacerá o naufraxio
A Audiencia Nacional propón xulgar o capitán do Villa de Pitanxo e dous directivos da armadora por 21 homicidios por imprudencia
Hai catro anos que o pesqueiro Villa de Pitanxo se afundiu en augas de Terranova, na madrugada do 15 de febreiro. Faleceron 21 dos 24 mariñeiros que ían a bordo e as familias levan todo este tempo pedindo xustiza. Esta semana pechouse a instrución do naufraxio e a Audiencia Nacional propón xulgar o capitan e dous directivos da armadora por 21 homicidios por imprudencia.
Cúmprense catro anos e o aniversario chega con algo de acougo para as familias das vítimas do Villa de Pitanxo que agardan a apertura do xuízo oral que esclarecerá definitivamente que pasou aquel 15 de febreiro nun naufraxio que deixou 9 mortos e outras 12 vítimas que nunca apareceron. Só sobreviviu o patrón do barco, un sobriño e o mariñeiro Samuel Kwesi que foi quen cuestionou a versión do afundimento que daban os outros dous superviventes, que o barco fora a pique por unha parada do motor.
Durante todo este tempo as familias loitaron para que se demostrase en que condicións traballaban os seus naquela data e como aconteceron os feitos. Agora a Audiencia Nacional propón xulgar o capitán do Villa de Pitanxo e dous directivos da armadora por 21 homicidios por imprudencia.
"Que se saiba a verdade e esperemos que esa sentenza, aínda que non sexa para este ano, sexa xusta e todos poidamos descansar en paz", dicía María Xosé de Pazo, despois de coñecer as conclusións da fiscalía.
No escrito do maxistrado feito público hai só uns días enuméranse os factores que confluíron na traxedia, dos que falara Samuel Kwesi: a sobrecarga do barco, a decisión do capitán de seguir coa manobra de virada a pesar do mal tempo, unha orde tardía para abandonar a nave, as deficiencias nos accesos ás balsas salvavidas, a falta de preparación da tripulación en situacións de emerxencia ou o feito de que o barco non tiña autorización para navegar en zonas de formación de xeo.
O próximo sábado pola tarde as familias recordarán os seus nunha homenaxe en Marín agardando pola data do xuízo oral.