Publicador de contidos

Publicador de contidos

Marín lembra as vítimas do Villa de Pitanxo catro anos despois da traxedia

Marín lembra as vítimas do Villa de Pitanxo catro anos despois da traxedia

A vila reviviu o naufraxio no que morreron 21 mariñeiros, a maioría da comarca do Morrazo

O Defensor do Pobo amosou a súa confianza na Xustiza, para que traia "a necesaria verdade"

 

 

Ángel Gabilondo durante a súa intervención. EFE/Salvador Sas
G24.gal 21/02/2026 19:47 Última actualización 21/02/2026 21:51

O municipio de Marín acolleu este sábado a cuarta homenaxe aos mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo, unha traxedia que deixou unha profunda pegada no sector pesqueiro galego.

A vila reviviu de novo aquel 15 de febreiro de 2022 no que 21 tripulantes, a maioría da comarca do Morrazo, perdían a vida en augas de Terra Nova (O Canadá). Só puideron recuperar 9 corpos.

A súa falta continúa despois de todo este tempo buscando xustiza para saber que pasou no afundimento, pero este aniversario chega con algo de acougo porque a Audiencia Nacional ditou o procesamento do patrón do barco e dous directivos da armadora.

Juan Padín e os administradores de Pesquerías Nores serán xulgados por 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e outro contra os dereitos dos traballadores.

As familias quixeron agradecerlle unha vez máis ao supervivente Samuel Kwesi a súa valentía para contar o que pasou e ao Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo, que participou no acto, o seu apoio e a súa escoita cando acudiron a pedir xustiza.

A voceira das familias, María José do Pazo. EFE/ Salvador Sas A voceira das familias, María José do Pazo. EFE/ Salvador Sas

Confianza na xustiza

Durante a súa intervención, Gabilondo sinalou que a institución que representa debe responder á determinación das familias das vítimas e "evitar a indefensión, xa que falamos de vidas humanas e de dereito dos traballadores".

"Se este é un acto de recordo, de homenaxe, é porque tamén algo deles vive en non poucas persoas que fixeron do recordo non unha simple nostalxia, que fixeron da dor non unha simple deterioración, senón que atoparon motivos para traballar e para loitar en defensa da verdade, en defensa dos dereitos, na procura da xustiza. E este si que é unha verdadeira homenaxe", apuntou.

O Defensor do Pobo amosou a súa confianza na Xustiza, para que traia "a necesaria verdade e a imprescindible reparación".

Un antes e un despois

Cunha ofrenda floral, a salve mariñeira e unha misa polos seus e por todas as vítimas do mar recordaron estes catro anos, coa vista posta agora no xuízo oral que esclarecerá o naufraxio.

O afundimento do Villa de Pitanxo marcou un antes e un despois na conciencia colectiva do sector, así como no reforzo da seguridade marítima e a protección das tripulacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade