Samuel: "Soou o pito do Menduíña, e aí souben que ao final non ía morrer"
Homenaxe en Marín á tripulación que traballou no rescate do Villa de Pitanxo
A baixada o Villa de Pitanxo e a súa inspección prevense para este verán
Marín lembra esta semana os falecidos no Villa de Pitanxo, de cuxo naufraxio en augas de Terra Nova se cumpre un ano o mércores. A Xunta organizou este luns unha homenaxe na Casa do Concello á tripulación do barco Playa Menduíña Dos, que rescatou os tres superviventes e varios falecidos.
Foi un acto moi emotivo, interrompido en varias ocasións polos aplausos, e no que Samuel Kwesi, un dos supervivintes, deu as grazas entre bágoas aos homes que lle salvaron a vida. Samuel vive con pesadelos dende hai case un ano, e aínda non é quen de volver traballar, pero non podía faltar á homenaxe aos seus rescatadores para lembrar que pensou cando chegou o Menduíña.
"Soou o pito do barco moi forte detrás de nós, e aí souben que ao final non ía morrer", relatou o supervivente.
Homenaxe da Xunta a uns mariñeiros que non pararon de rastrexar as augas de Terra Nova ata estar seguros de que non quedaban corpos aboiando. O presidente Alfonso Rueda entregoulle ao patrón do Playa Menduíña Dos, Ramón Porto, unha placa conmemorativa.
"Quería agradecer o gran labor da miña tripulación naqueles momentos que a ninguén lle gustaría vivir. Sempre levaremos eses mariñeiros no noso recordo", dixo Porto.
No nome das familias dos falecidos no Villa de Pitanxo falou María José de Pazo, que lles trasladou un dobre agradecemento: polo que fixeron e seguen facendo para saber as causas do naufraxio.
"Hai familias que hoxe poden ir poñer flores aos seus grazas a vós. A vosa honestidade e a vosa valentía en dicir a verdade do que vistes".
De valentes e heroes tamén os cualifica o presidente Alfonso Rueda, que volve ofrecer o apoio do Goberno galego para que se faga xustiza coas vítimas.
"Que cheguen xa respostas máis inmediatas e esclarecedoras. Isto non vai de buscar unha agulla nun palleiro, isto vai de resolver as dúbidas, de darlles paz aos que seguen en terra e darlles seguridade ás persoas que nesa zona van ter que seguir arriscando a vida. Vai de todo iso".