Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comprometida a estratexia da armadora do Pitanxo ao retractarse unha testemuña

Comprometida a estratexia da armadora do Pitanxo ao retractarse unha testemuña

Dous mandos do buque luso que participou na busca manifestaran ante notario que viran máis corpos co traxe de supervivencia posto

Días despois destas manifestacións, os dous foron contratados pola armadora aos mandos do barco xemelgo do que naufragou

O técnico da mutua de Nores recoñece que non fixo ningún simulacro no 2021 e no 2020, malia ser obrigatorios mensulamente

G24.gal 08/02/2023 14:13 Última actualización 08/02/2023 14:45

Eran o capitán e o primeiro oficial do arrastreiro portugués Novo Virgem da Barca, e participaron, nas horas posteriores ao naufraxio do Villa de Pitanxo, na busca e rescate de corpos.

Case un ano despois da traxedia, asinaron, ante dous notarios diferentes e cunha semana de diferenza, dúas actas de manifestacións en que aseguran que viron rescatar máis corpos co traxe de supervivencia posto dos que declarou Samuel Kwesi e dos que quedaron acreditados: o cociñeiro do Pitanxo, falecido, e os outros dous superviventes, o capitán e o seu sobriño. 

Este martes, tocáballes ratificar estas manifestacións ante o xuíz. Un deles non o fixo.

"Recoñeceu que non era verdade, e non soubo dar unha explicación de por que declarou iso ante notario", explica Manuel Lampón, avogado da maior parte das familias dos mortos, que participou no interrogatorio na Audiencia Nacional.

Poucos días despois desa acta ante notario, os dous foron contratados pola armadora Nores, e de feito acaban de regresar de Terra Nova aos mandos do Villa Nores, o barco xemelgo do Villa de Pitanxo, unha circunstancia que, para a representación legal das vítimas é, cando menos, salientable.

"O que é moi curioso é que as dúas actas, facéndose en días diferentes e en notarías diferentes son, practicamente calcadas, con puntos e comas, o que pon de manifesto que a credibilidade das mesmas debe ser posta en dúbida", di Lampón.

"Non souberon dar unha explicación de por que tardaron case un ano en falar, e é moi significativo que xusto cando os vai contratar Nores vaian declarar", engade.

A estratexia da defensa enfocada a desacreditar a versión do mariñeiro Samuel Kwesi queda, así, bastante comprometida. E tamén a observancia das normas en materia de seguridade por parte da armadora, coa declaración do técnico de prevención da mutua da empresa.

"Recoñeceu que nese momento, porque está a súa sinatura, non se fixo o simulacro, que se fixo unha pequena actividade formativa dunha hora", apunta Lampón.

Este tipo de embarcacións teñen que realizar un simulacro mensual. Ao técnico que declarou este martes non lle consta que se realizase ningún en 2021 nin en 2020.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade