Empresas galegas captan 18 millóns do PERTE Mar-Industria, case a metade dos fondos dispoñibles
Pescanova e Jealsa son as principais beneficiarias e recibirán cinco millóns de euros para os seus proxectos
O PERTE reparte en total 40 millóns de euros para reforzar a transformación de produtos da pesca e a acuicultura, e un terzo das empresas adxudicatarias dos fondos son galegas

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación anunciou a resolución do PERTE Mar-Industria que adxudica 40 millóns de euros a 19 empresas, entre as que as dúas principais beneficiarias son as galegas Pescanova e Jealsa.
En concreto, as dúas multinacionais galegas recibirán cinco millóns de euros cada unha.
Outras empresas galegas que figuran entre as beneficiarias son Frinsa, Conresa, Salica e Congalsa, todas elas situadas na marxe norte da ría da Arousa.
Deste xeito, un terzo das empresas que resultaron adxudicatarias destes fondos son galegas. Frinsa recibirá máis de 3 millóns de euros, Conresa case 900.000, Salica algo máis de 1.200.000 e Congalsa case 2.800.0000 euros.
En total, empresas galegas captan 18 millóns neste PERTE, case a metade dos fondos dispoñibles.
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, destacou este xoves que o Perte agroalimentario, impulsará a sostibilidade e a competitividade do sector pesqueiro tras un "traballo moi intenso" coa Comisión Europea.
"Vai permitir reforzar a nosa industria de transformación de produtos da pesca e a acuicultura, particularmente na sostibilidade e na competitividade", subliñou en declaracións aos xornalistas durante unha visita a Vigo, tras reunirse co alcalde da cidade, Abel Caballero.
Quedaron fóra desta adxudicación Mascato, Porfand, nas súas divisións de Cambre e Vilagarcía, Albo, e Frialia Logística, ao superarse o orzamento dispoñible.
En concreto, esta proposta de resolución definitiva, publicada este xoves na sede electrónica, enmárcase dentro do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) agroalimentario e conta con financiamento dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Con estas axudas fináncianse proxectos que melloran a competitividade, sustentabilidade, rastrexabilidade e seguridade alimentaria na industria de transformación da pesca e a acuicultura.
Os proxectos contribúen a incrementar a eficiencia enerxética e reducir o impacto ambiental, o cal inclúe o tratamento de residuos, e fomentan a economía circular, por exemplo, mediante a transformación de capturas non destinadas ao consumo humano e de subprodutos procedentes da actividade de transformación.
Estas axudas tamén favorecen o uso eficiente da auga e o desenvolvemento de novos produtos e envases co obxectivo de impulsar a dixitalización, a optimización de procesos e a mellora dos sistemas de xestión e organización destas industrias.
Ademais, poténciase a implantación de sistemas de rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e acuícolas ao longo de toda a cadea e tamén as medidas orientadas a mellorar a seguridade, a hixiene e as condicións de traballo no sector.
O Ministerio precisou que coa convocatoria destas axudas se facilita que o sector industrial da pesca e a acuicultura teña acceso a determinadas axudas ás que, en aplicación da regulamentación europea, non podía acceder no marco xeral do PERTE Agroalimentario.