A Xunta aumentará as batidas de xabaril e Cataluña anuncia axudas pola peste porcina
A conselleiras de Medio Rural e Medio Ambiente reuníronse cos sindicatos agrarios; Xunta e sector piden un plan nacional para reducir o número de xabarís
Cataluña anuncia 10 millóns en axudas para o sector porcino mentres amplía os traballos de busca de xabarís na zona afectada e Yolanda Díaz afirma que as empresas afectadas pola peste porcina poderán acollerse a un ERTE se é necesario
Retiran medio cento de cadáveres de animais da zona infectadas, pero mantense a cifra de 9 casos confirmados
Consumo pide non lanzar residuos á vía pública para evitar a propagación da peste
En Galicia hai unhas 2.500 granxas de porcino. O sector e a Xunta, reunidos este mércores, confían en que o brote non entre na comunidade. Non temen os efectos sanitarios, pero si os económicos.
Cren que o prezo desta carne pode baixar porque o mercado interno vai ter que absorber o que se deixe de exportar, "e no mercado español, o máis afectado é Galicia porque aí vai o 90 % da nosa produción", sinalou Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.
Por esta razón, a conselleira galega do ramo vai pedirlle ao ministerio que se esforce na diplomacia. María José Gómez, titular de Medio Rural, considera que "non temos por que crear alarma" e que "hai que negociar como se fixo coa China".
Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, explicou que "agora mesmo pódese cazar xabaríl todos os días sen límite de cabezas ata febreiro. Haberá que pensar se isto se debe ampliar"
Na xuntanza telemática mantida esta tarde co ministro, Galicia pediulle un plan estatal para reducir as poboacións de xabaril. Moitos expertos relacionan a reaparición da peste porcina en Cataluña coa proliferación descontrolada destes animais preto de zonas habitadas, un fenómeno ao que Galicia non é allea.
Paco Bello, presidente de Asociación Agraria de Galicia fala "dunha poboación de máis dun millón e medio de animais en toda España, a maioría deles na Cornixa Cantábrica".
A nivel galego, a Xunta acaba de anunciar que se incrementarán as batidas nas comarcas da Limia (Ourense), O Deza (Pontevedra), Terra Chá (Lugo) e Betanzos (A Coruña), onde hai máis granxas de porcino. Tampouco descarta estender a emerxencia cinexética máis alá de febreiro e que actualmente permite cazar xabarís sen límite no 80 % dos concellos galegos.
Cataluña anuncia 10 millóns en axudas e amplía a zona de busca de xabarís
Cúmprese o sexto día desde a detección dos dous primeiros casos de xabarís infectados no parque de Collserola, de onde seguen sacando animais mortos. "Durante estes días atopamos uns cincuenta cadáveres", relata Josep Antoni Mur, inspector xefe Axentes Rurais da Generalitat. Polo momento, os casos confirmados seguen sendo 9.
O Goberno insiste en que as prioridades son conter o foco e evitar o peche dos mercados. Seguen bloqueados 130 certificados sanitarios de exportación a 40 países. O ministro de Agricultura, Luis Planas, asegura que "os traballos están dando resultado a nivel internacional. Onte faciámolo co Reino Unido e continuamos con moitas xestións para, certificado a certificado, lograr que continúe a saída dos nosos produtos"
Os efectivos que traballan para tratar de controlar o brote de peste porcina africana (PPA) en Barcelona terminaron de examinar a primeira área de 6 quilómetros á redonda do primeiro foco e xa buscan jabalíes no segundo círculo de 20 quilómetros, mentres o Goberno catalán anunciou axudas de 10 millóns de euros ao sector porcino.
O conseller de Agricultura, Òscar Ordeig, pediu ademais ante o Parlamento catalán "unidade, apoio" e trasladar "unha imaxe seria ao conxunto do país, de Europa e do mundo".
Ordeig explicou que hai un "contacto permanente" entre o executivo catalán e o presidente da Generalitat, Salvador Illa, co que pechou filas tras as críticas recibidas por manter a súa viaxe oficial a México pese ao brote de PPA.
Poderán acollerse a un ERTE se é necesario
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, afirmou este mércores que o seu departamento "está preparado para eventuais afectacións" da peste porcina no ámbito laboral, a fin de protexer a empresas e traballadores.
Así, na súa conta de Bluesky, a ministra lembrou que os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) de forza maior poderían despregarse "de maneira inmediata" no caso de que fose necesario, co fin de protexer a empresas e traballadores mentres persista o problema.