Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno anuncia a licitación en 3 millóns da baixada ao pecio do Villa de Pitanxo

O Goberno anuncia a licitación en 3 millóns da baixada ao pecio do Villa de Pitanxo

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana fai un anucnio previo á licitación para reducir os prazos

As familias das vítimas do naufraxio celebran o paso pero lamentan que non se fixese antes

G24.gal 03/02/2023 09:21 Última actualización 03/02/2023 15:16

O Goberno anuncia a licitación da busca, localización e inspección do pecio do Villa de Pitanxo por un orzamento de 3 millóns de euros, máis impostos.

Segundo sinala o Ministerio, esta licitación servirá de apoio á investigación do accidente do pesqueiro galego, que afundiu o 15 de febreiro de 2022 e deixou 21 vítimas a 250 millas do Canadá, e que está a levar a cabo a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos.

A operación consistirá en localizar o barco, cuxa situación se estima pero non se coñece de forma exacta, e en enviar un robot submarino ou similar que o inspeccione.

O anuncio previo publicado este venres na Plataforma de Contratación do Sector Público serve para reducir o prazo da licitación definitiva, e non permite coñecer ningún detalle da licitación mais aló do importe aproximado e o título.

Todo iso despois de que as familias dos falecidos insistisen durante meses na importancia de baixar ao pecio para atopar probas das causas do accidente. A pesar de que nun primeiro momento o Executivo dixo que cabía esperar ata que os investigadores o solicitasen, finalmente así foi.  

Agora, as familias aplaudiron esta decisión, aínda que consideran que xa se puido levar a cabo o verán pasado, debido a que o mal tempo na zona obrigará a que a operación se produza na temporada estival.  

"Levamos moito tempo esperando por isto. É un paso para que se consiga finalmente a adxudicación a unha empresa que poida baixar en 2023. Non puido ser en 2022, pero este ano poderase baixar ou obter todas as probas que poida haber logo dun ano", indicou a portavoz dos familiares, María José de Pazo.  

Así mesmo, agradeceu a todas as persoas que se involucraron neste proceso e esperou que esta operación se realice "en tempo e forma".

María José de Pazo entende que "nin se sabe todavía a empresa á que se vai a adxudicar, nin cantas se van presentar, nin que mes... aínda quedan moitas novas que agardar pero o paso de hoxe é fundamental para avanzar".

O delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, dixo que "está en proceso de licitación. E, polo tanto, que se resolva o proceso de licitación, que se faga a adxudicación e darlle continuidade. E reiteramos que todo o que necesite a  Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos imos poñelo á súa disposición" 

A inspección no fondo do Atlántico norte pode ser crucial para saber as causas do afundimento, como demanda a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos e piden as familias.

"Evidentemente quen sabe o que se vai atopar, pero o que si que temos claro desde o primeiro día é que se debe investigar e esgotar todas as vías para saber a verdade" mantén María José de Pazo.

Cren que é un acto de xustiza e de dignidade para as vítimas e para todo o sector.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade