Un novo informe da CIAIM responsabiliza o patrón do naufraxio do Villa de Pitanxo
O informe conclúe que José Padín mentiu cando declarou en sede xudicial que o arrastreiro fora a pique por culpa dunha parada repentina do motor
O capitán do arrastreiro tampouco se viu sorprendido polo mal tempo, xa que dispoñía de "información moi precisa"
Demoledor. Así é o último informe da CIAIM, a comisión dependente do Ministerio de Transportes sobre o naufraxio do Villa de Pitanxo. A Televisión de Galicia tivo acceso a ese texto que volve poñer no punto de mira a armadora do buque afundido en Terra Nova e o seu patrón como responsables da morte de 21 tripulantes.
José Padín, capitán do Villa de Pitanxo, mentiu cando declarou en sede xudicial que o arrastreiro fora a pique por culpa dunha parada repentina do motor. É unha das conclusións do novo informe elaborado pola Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos, cuxa versión definitiva se coñecerá o próximo mes de xuño. Ocorreu ao contrario, destacan os peritos. A manobra temeraria de Padín provocou a parada das máquinas e o posterior afundimento do buque.
O informe da CIAIM salienta que o patrón do Villa de Pitanxo se adentrou nunha zona afastada onde os embarres do aparello son frecuentes, no límite de acción dos medios aéreos de salvamento e a cinco horas de navegación do barco máis próximo, que era o tamén galego Playa de Menduíña. Pero é que ademais Padín, un dos tres únicos superviventes do naufraxio xunto co seu sobriño e o mariñeiro de orixe ghanesa Samuel Kouffie, decidiu pescar tan lonxe de terra nunha condicións meteorolóxicas extremas, condicións que non o puideron sorprender porque dispoñía de información moi precisa ao respecto. A temperatura da auga era tan fría que en poucos minutos provocaba hipotermia, a causa da morte dos nove tripulantes cuxos corpos puideron ser recuperados. Os dos outros 12 falecidos quedaron para sempre no fondo do océano.