Publicador de contidos

Publicador de contidos

Queimas controladas e pastoreo, como medida contra os incendios

Queimas controladas e pastoreo, como medida contra os incendios

O proxecto Compás, da Universidade de Santiago, analiza nos Ancares a efectividade do herbivorismo pírico

Se non se elimina a vexetación envellecida o risco de incendio é moito maior

G24.gal 28/09/2025 16:28

A prevención dos incendios forestais a través do "herbivorismo pírico" é unha práctica tradicional que consiste en facer queimas controladas e despois pastorear os terreos para regular o crecemento da vexetación. O proxecto de investigación Compás, no que participa a Escola Politécnica Superior de Lugo, investiga como aplicar as tecnoloxías actuais de xestión ambiental con este sistema.

Dous terreos piloto, un no concello de Cervantes e outro en Navia de Suarna, están a ser utilizados polos investigadores da Universidade de Santiago para analizar como contribúe o herviborismo pírico na mellora dos pastos de montaña e na diminución do risco de incendio. 

" O que tratamos de facer é emular procesos que xa existiron na natureza, que é o lume e os herbívoros, que xa estiveron xestionando a materia vexetal e controlando os combustibles. Tratamos de modernizalos e combinalos para conseguir a apertura de espazos", asegura Rosa María Canals, catedrática de Restauración na Universidade Pública de Navarra

Para isto primeiro fan queimas controladas coas que se regula o combustible vexetal que hai no terreo. Despois, establécese un plan a varios anos de pastoreo con diferentes animais para facer diminuír as especies leñosas. 

"Cando nós facemos unha queima prescrita, controlada, non estamos matando o solo nin arrasando a vexetación porque a raíz sobrevive. O rebrote o que fai é rexuvenecer esa vexetación que ademais pode ser pastoreada e mantida no tempo. A diferenza é que se eu non a toco o que fai é acumular na parte interior moitísimo material senescente. Esa vexetación está envellecida e non se conserva e ten un altísimo risco de incendio", explica María Rosa Mosquera Losada, catedrática do Departamento de Produción Vexetal da USC

No proxecto Compás participan tres grupos de investigación de Navarra, Galicia e do sector oriental de Andalucía, en colaboración con empresas locais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade