Publicador de contidos

Publicador de contidos

O dominó conquista A Coruña co campionato de España por parellas

O dominó conquista A Coruña co campionato de España por parellas

Máis de cincocentos xogadores compiten no Hotel Finisterre

G24.gal 07/12/2025 21:17 Última actualización 07/12/2025 21:41

Aínda que a súa orixe é chinesa, o dominó forma parte da nosa cultura popular. O campionato de España por parellas reúne na Coruña máis de cincocentos xogadores, amantes dun xogo que aspira a ser deporte e que precisa relevo xeracional.

O competidor de menor idade ten nove anos. Ian empezou a xogar ao dominó por contaxio paterno. Dous irmáns procedentes da República Dominicana forman outra das parellas máis novas da competición. No país caribeño o dominó é enormemente popular.

"Alí xógase todos os días. É un lugar caloroso e a xente divírtese xogando ao dominó. Xogamos dende cativos", conta Edwin.

Son fabas contadas no campionato de España, onde os veteráns comparten preocupación polo futuro do seu xogo.

"Estáse perdendo e é unha mágoa. A xente nova non quere xogar e é un xogo moi bonito".  "Só queren computadora e non queren perder o tempo, malia que isto é moi interesante porque estimula a mente", comentan dous xogadores.

Animan a introducilo nas escolas porque estimula a memoria, a concentración e a axilidade cognitiva.

"É un dos xogos que máis traballa a memoria. Tes que memorizar, tes que contar e ademais hai moito compañeirismo", asegura José Ferreiro, que preside a Asociación de Dominó de Barcelona.

"Estamos traballando para que sexa deporte. Agardamos que se equipare a outro xogo de mesa moi parecido, como é o xadrez", explica Faustino Alegría, á fronte da Federación Española de Dominó.

Porque para eles o dominó é moito máis que un xogo de taberna.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade