Adrián Ben, prata nos 1.500 metros dos Campionatos de España en pista cuberta
O viveirense non puido con Mariano García, que se estreaba na distancia despois de ser campión nos 800 m en campionatos anteriores
É o segundo metal galego dos campionatos, despois do ouro de Belén Toimil no lanzamento de peso
Foto: EFE
A final dos 1.500m dos campionatos de España de Atletismo en pista curta decidiuse na última volta, cunha loita entre os tres atletas que ocuparon o podio. Adrián Ben rematou de segundo, cunha marca de 3:44.04, xusto por detrás do novo campión, Mariano García, que se estreaba na distancia cunha marca de 3:43.80. No terceiro posto entrou Carlos Saez, cun tempo de 3:44.26.
Foi unha final apertada, en que o galego tivo que progresar, pero axiña se colocou no grupo de cabeza. O home a seguir, Mariano García, estreábase nesta distancia despois de ser tres veces campión nos 800 m. Co seu triunfo, sitúase á altura dos outros tres atletas que acadaron ouros nas dúas distancias en anos diferentes: Antonio Fernández Ortiz, Serafín Carballo, e Manuel Olmedo.
Adrián Ben entrou no treito final detrás do gañador, e non deixou que o sorprendese Carlos Sáez. Cun tempo de 3:44.04 repetía a prata do ano pasado baixo teito, logo de ser tamén campión ao aire libre.
Esta medalla é a segunda con sabor galego dos campionatos, despois do ouro de Belén Toimil no lanzamento de peso.