As galegas Chamosa e Meilán escoltan a María Pérez no podio dos 10 Km marcha
A andaluza, campioa de Europa, Olímpica e do Mundo, acadou a mellor marca española de todos os tempos
A pontevedresa Antía Chamosa levou a prata e a luguesa Aldara Meilán fíxose co bronce por só dous segundos
María Pérez segue a demostrar que é unha das mellores marchadoras de todos os tempos. A andaluza, campioa de Europa, do Mundo e dos Xogos Olímpicos, conseguiu o título dos 10 quilómetros no Campionato de España logrando a mellor marca histórica na distancia: 42:12.93.
A lenda da marcha foi escoltada no podio por dúas galegas. Antía Chamosa (26 anos) aspira a coller a remuda de María Pérez e acabou no segundo posto, a menos de dous minutos da gañadora. A pontevedresa acabou cun tempo de 44:07.51. Na terceira posición chegou outra galega. Aldara Meilán (19 anos) é o futuro do atletismo español nesta disciplina e logrou o seu primeiro metal nunha proba absoluta do estatal. Meilán asinou un tempo de 44:43.51 nunha agónica loita con Lucía Redondo que rematou na cuarta praza a só dous segundos da galega.