Adrián Ben, anfitrión e principal favorito da Milla do Cantábrico
Celebrarase este sábado ás 19:00 horas polo lugar de adestramento habitual do campión de España de 1.500 metros e poderá verse na G2
A proba terá carácter internacional coa implicación de Ben na organización da mesma
Adrián Ben terá unha das probas máis especiais da temporada este sábado na súa casa. Viveiro acollerá a primeira edición da Milla do Cantábrico por un percorrido que o vixente campión de España dos 1.500 metros coñece como a palma da man.
Serán catro voltas a un dos lugares habituais de adestramento do deportista olímpico galego que completarán as catro voltas e 1.609 metros dos que consta a competición.
Na organización implicouse Adrián Ben en primeira persoa. Como embaixador da mesma, contactou con amigos e compañeiros de competición para darlle carácter internacional e máis prestixio a unha proba que tenta que se converta nun clásico.
Ben atendeu os micrófonos da Televisión de Galicia e aproveitou para facer un balance dunha temporada na que "agardaba máis". Repetiu título de España de 1.500 metros pero no Europeo de Birmingham non conseguiu estar á altura agardada. O seguinte reto xa o ten enriba da mesa e será en España, o Europeo indoor que se celebre en Valencia do 4 ao 7 de marzo de 2027.