O Obradoiro visita mañá o Palau logo de tres derrotas consecutivas
Diego Epifanio non está preocupado pola falta de acerto no tiro dos seus
Curvas. Moitas curvas. Niso é no que anda agora o coche, que neste caso sería autobús, do Monbus Obradoiro. Con tres derrotas consecutivas que chaman a calma e cunhas estatísticas que o sinalan como o equipo con peor porcentaxe de tiro da Liga.
E con este autobús destino a Barcelona onde o agarda un Barça en forma. Oito triunfos consecutivos. O de onte na cancha de Panathinaikos. Con remontada colosal no último cuarto. Ían 13 abaixo, pero con tapóns como ese de Nebo a Yabusel e, sobre todo, cos 14 puntos de Justin Robinson nos últimos cinco minutos, déronlle volta. 74-76.
Este domingo, ás cinco Barcelona - Obradoiro. Co autobus que diría Epi, na procura de deixar atrás as curvas.