Caio Pacheco, cunha tripla sobre a bucina, dálle a terceira vitoria ao Leyma Coruña (103-100)
O internacional brasileiro anotou unha canastra inverosimil contra o taboleiro no último segundo do partido
Os laranxas suman xa tres triunfos e afástanse da zona de descenso
@morabancandorra
Emocións fortes as vividas no Coliseum da Coruña tras a vitoria acadada polo equipo coruñés ante o Andorra grazas a unha espectacular canastra anotada polo brasileiro Caio Pacheco na última xogada do partido.
Non foi boa a saída á pista do equipo laranxa e os andorranos pronto colleron vantaxe no marcador grazas ao acerto desde a liña de tres puntos de Best, Iwundu e McGriff (11-22). Reaccionaría o cadro local tras a entrada a pista da segunda unidade liderada por Karli Silins pero os de Zan tabal souberon manter a diferenza ao remate do cuarto (21-29).
No segundo combináronse en ataque Conditt, Uleckas e Jorgensen para igualar o partido a cinco minutos do descanso (33-33). Nos últimos minutos o intercambio de canastras favoreceu aos herculinos que chegarían ao intermedio por diante no electrónico (51-48).
Manteríase a igualdade no terceiro cuarto. James Akinjo apareceu para liderar a ofensiva visitante que se chegou a poñer por diante a un minuto do remate deste período. Pero reaccionaría o equipo coruñés que cunha tripla de Jorgensen e unha canastras de Uleckas deixaría os de Carlos Marco por diante con todo por decidir no cuarto final (75-74).
Era o momento dos xogadores importantes. Verge no Básquet Coruña e Kassius Robertson no cadro azul colleron a iniciativa dos seus equipos intercambiando acertos desde a liña de tres puntos. Nesa alternancia de acertos saía vitorioso o cadro local que entraría nos últimos cinco minutos con vantaxe de seis puntos (89-83). Pero un triple de Iwundu e outro de Akinjo igualarían o partido deixando a decisión final do choque para os últimos catro minutos. E este decidiríase na última xogada tras o empate a cen co que se chegaba a trinta segundos do remate. Aí emerxeu a figura de Caio Pacheco que anotou unha espectacular canastra tras coller un rebote ofensivo.