Homenaxean os efectivos contra os incendios de Ourense no Día do Voluntario
Alfonso Rueda destaca a entrega dos voluntarios e reivindica o seu labor
As agrupacións de Protección Civil da provincia de Ourense recoñeceron este 5 de decembro, día internacional do voluntario, o traballo dos servizos de emerxencias durante a vaga de incendios forestais deste verán. Entre as medallas ao mérito que entregaron a voluntarios individuais, agrupacións e responsables de emerxencias, destaca a que recibiron os voluntarios que rescataron os bombeiros forestais feridos no incendio de Oímbra do 12 de agosto.
No acto, que se celebrou no Auditorio Municipal de Ourense, o presidente da Xunta e o das agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Ourense, Clemente Pérez, destacaron o labor dos efectivos o pasado agosto.
Pérez dixo que esta homenaxe vai tamén para as centos de anónimas persoas que deron o mellor de así para sumar mans e esforzo onde outras non daban chegado.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou por seguir reforzando a coordinación entre os servizos de emerxencia e aprender do acontecido este verán. Tamén destacou a profesionalidade e entrega dos servizos contra incendios e reivindica o labor dos voluntarios de Protección Civil, que suma en Galicia a cifra histórica de 4.500 persoas.
"Seguiremos dando a Protección Civil a importancia que ten, e iso pasa por seguir reforzando as dotacións de medios, por seguir mellorando a formación e que hai que coidar o mellor que temos, que sodes vós", dixo Rueda, quen descatou a profesionalidade e entrega dos servizos contra incendios e reivindica o labor dos voluntarios de Protección Civil, que suma en Galicia a cifra histórica de 4.500 persoas.