Dous investigados por ter obreiros sen contrato nin soldo e vivindo en condicións "lamentables" no Porriño
Dous investigados por ter obreiros sen contrato nin soldo e vivindo en condicións "lamentables" no Porriño
Os traballadores estaban en España en situación irregular
Os investigados son unha muller de Santiago e un home de Madrid
Dúas persoas están a ser investigadas pola Garda Civil por ter utilizar para construír vivendas turísticas estranxeiros que estaban en España de maneira irregular, sen contrato nin soldo e vivindo en condicións "lamentables".
Ao principal investigado, un home de 56 anos veciño de Pozuelo de Alarcón (Madrid), impútanselle delitos contra os dereitos dos traballadores e delitos de trata de seres humanos, segundo o comunicado remitido á prensa este xoves. Unha muller de 54 anos, veciña de Santiago de Compostela, está implicada nesta trata, segundo os investigadores, por ser colaboradora necesaria nestes feitos.
A investigación comezou o pasado 17 de novembro tras unha denuncia presentada no posto da Garda Civil no Porriño e na que se advertía que varias persoas se atopaban traballando na construción de apartamentos turísticos. Estas persoas eran de nacionalidade estranxeira e atopábanse de maneira irregular en España, carecendo de calquera tipo de contrato de traballo. Os traballadores non eran remunerados por este labor e vivían en condicións lamentables no propio baixo onde estaban a realizar a obra.
Os axentes comprobaron que había catro homes vítimas desta situación, todos eles residentes de maneira ilegal en Madrid, onde foron captados para realizar a obra. O promotor prometéralles pagar oitenta euros diarios e trasladáronse desde Madrid ao Porriño nun tren pago pola persoa que os contratou. Unha vez que chegaron a Galicia, a muller que colaboraba co construtor foi quen os recolleu na estación e acompañounos ata a obra, instalándoos para vivir no lugar.
Alí, segundo detalla a Garda Civil, vivían sen ningún tipo de condicións hixiénicas, sen cuarto de baño e tendo unha simple billa con auga, un colchón e dous sofás. Os traballos que tiñan que realizar consistían en reformar ese baixo para a construción de apartamentos turísticos, comezando a xornada laboral ás 08:00 horas e finalizando ás 21:00 horas, con soamente unha hora de descanso para comer.
Estas persoas levaban sufrindo esta situación desde o mes de agosto e sen cobrar diñeiro algún, motivo polo cal estiveron sen comer ata cinco días. A Garda Civil, que mantén aberta aínda a investigación, denunciou os feitos ante a Delegación Provincial de Traballo e a Seguridade Social de Pontevedra, e entregará as dilixencias na sección civil e de instrución do Tribunal de Instancia de garda do Porriño