Publicador de contidos

Publicador de contidos

O fillo do fundador de Mango esgrime no seu recurso unha caída previa de Isak Andic

O fillo do fundador de Mango esgrime no seu recurso unha caída previa de Isak Andic

Unha doenza nos xeonllos, provocada por esa caída 3 meses antes da súa morte, puido ser a causa de que o dono da multinacional se precipitase ao baleiro, segundo os avogados de Jonathan Andic

A defensa pide que se revoguen as medidas cautelares tras a súa detención, que inclúen unha fianza dun millón de euros e a retirada do pasaporte

Jonathan Andic tras ser arrestado. David Oller / Europa Press (Arquivo) Jonathan Andic tras ser arrestado. David Oller / Europa Press (Arquivo)
G24.gal 28/05/2026 18:09

A defensa de Jonathan Andic, fillo do fundador de Mango, argumenta no seu recurso ante a Audiencia de Barcelona unha caída previa do seu pai por unha doenza nos xeonllos e nega que acudise tres veces a Montserrat antes da súa morte: fíxoo dúas, unha de excursión e outra que abortou porque chovía.

Segundo informaron a EFE fontes xurídicas, os avogados de Andic, dirixidos polo penalista Cristóbal Martell, presentaron esta tarde un recurso en que piden á Audiencia de Barcelona que revogue as medidas cautelares que a xuíza de instrución lle impuxo o pasado martes tras a súa detención, que inclúen unha fianza dun millón de euros e a retirada do pasaporte.

No seu escrito, os avogados rebaten un a un os indicios en que a xuíza se baseou para ditar prisión baixo fianza para o fillo do fundador de Mango por un delito de homicidio: negan contradicións na súa declaración, xustifican a caída de Isak Andic por unha doenza que padecía nos xeonllos e critican que fose exhibido publicamente, ao ser conducido esposado ao xulgado.

Recurso dos avogados de Jonathan Andic contra as medidas cautelares

O recurso de apelación, directo á Audiencia, diríxese contra as medidas cautelares ditadas pola xuíza -máis adiante impugnarán a imputación por homicidio- e céntrase en desmontar a tese dos Mossos de que Jonathan provocou a caída do seu pai, falecido o 14 de decembro de 2024 ao precipitarse duns 100 metros de altura nunha excursión en Collbató (Barcelona) a soas co seu fillo.

A defensa pide que se revoguen as medidas cautelares tras a súa detención, que inclúen unha fianza dun millón de euros e a retirada do pasaporte.

Os avogados cuestionan un dos principais indicios que esgrime a xuíza no seu auto: as tres visitas que asegura que Jonathan Andic fixo a Montserrat antes da morte do seu pai, os días 7, 8 e 10 de decembro e que a instrutora considera acreditadas a través dos sistemas de vixilancia de tráfico.

A defensa mantén que o dono de Mango caera 3 meses antes 

Os avogados manteñen que Andic só acudiu dúas veces a Montserrat: o sábado 7 de decembro, para unha excursión, e o 10 de decembro, cando quixo volver facer unha camiñada que tivo que abortar polo mal tempo, o que explica que aparcase o seu coche pouco tempo. Non é estraño para el, argumenta, repetir a mesma ruta cando sae andar.

No recurso, a defensa tamén esgrime a caída que Isak Andic, de 71 anos de idade, sufriu nun acto en Mutua Universal uns tres meses antes da súa morte e que teñen gravada en vídeo. Apuntan que podería deberse a unha doenza que sufría nos xeonllos, o que explicaría que se precipitase ao baleiro cando estaba de excursión.

Negan que o investigado caese en contradicións

Os avogados negan que o investigado incorrese en contradicións cando nunha declaración afirmou que viu precipitarse ao seu pai e noutra que viu un corpo precipitándose, e sostén que se trata de meros matices de expresión, porque todo ocorreu moi rápido: Jonathan estaba de costas, oíu un ruído, virouse e foi entón cando se decatou da caída.

No auto recorrido agora pola defensa, a xuíza asume os informes dos Mossos e conclúe que existe un "cúmulo de indicios" que poderían implicar o primoxénito, quen ao seu parecer tivo unha "participación activa e premeditada" no homicidio pola súa "obsesión co diñeiro", ante o temor de que o seu pai cambiase o testamento para destinar parte da súa fortuna a unha fundación de axuda social.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade