O fillo do fundador de Mango sae en liberdade tras pagar unha fianza dun millón de euros
Jonathan Andic á súa chegada aos xulgados. David Oller/Europa Press.
Jonathan Andic, fillo do fundador de Mango, saíu en liberdade provisional tras depositar a fianza dun millón de euros que lle impuxo a xuíza.
Andic declarou este martes como investigado por un delito de homicidio pola súa presunta relación coa morte do seu pai, Isak, en 2024.
Ademais a xuíza retiroulle o pasaporte, prohibiulle saír do país e impúxolle a obriga de comparecer semanalmente ante a xustiza.
En apenas minutos, tras notificárselle o auto da xuíza instrutora, Jonathan Andic consignou, por transferencia, o millón de euros de fianza e saíu en liberdade dos xulgados, acompañado do seu avogado, Cristóbal Martell.
Ambos abandonaron as dependencias xudiciais nun taxi, tras pasar por un cordón que habilitaran os Mossos d'Esquadra para separalos dos numerosos medios de comunicación que se amoreaban ás portas dos xulgados de Martorell.
Na súa comparecencia ante a xuíza instrutora, o fillo do fundador de Mango acolleuse ao seu dereito a responder unicamente ás preguntas do seu avogado. Antes, negárase a declarar ante os Mossos d'Esquadra nas dependencias policiais.
Isak Andic morreu en decembro de 2024, ao precipitarse por un camiño de montaña en Collbató (Barcelona) durante unha excursión, acompañado do seu fillo Jonathan.