Ingresa en prisión o detido por matar unha muller e o seu fillo en Cantabria
O fillo, de 41 anos, aparecera aforcado nun alpendre da casa e a nai, de 81, con sinais de estrangulamento
O suposto homicida fixera unha instalación na vivenda das vítimas e deixara restos biolóxicos no lugar dos feitos
A vivenda das vítimas o 7 de marzo de 2024. EUROPA PRESS/Juanma Serrano
Un home de 28 anos, veciño do municipio de Miengo (Cantabria), ingresou en prisión acusado de matar unha muller de 81 anos e o seu fillo, de 41, na localidade de Hinojedo o 7 de marzo de 2024.
A Garda Civil detivo o suposto homicida este sábado despois dunha longa investigación na que foi crucial a descuberta duns restos biolóxicos nos escenarios dos crimes, segundo informa o instituto armado.
O corpo do home aparecera aforcado nun alpendre situado xunta á vivenda unifamiliar na que residía coa súa nai, localizada despois dentro da casa con sinais de estrangulamento.
A primeira hipótese apuntaba a que o fillo matara a proxenitora cun cable ou cunha corda e que despois se suicidara. Porén, unha das mostras recollidas no lugar dos feitos cambiou o rumbo do caso.
As pescudas levaron ata un home que estivera facendo unha instalación na vivenda a finais de 2023 e que volvera á casa en diferentes ocasións para levar a cabo reparacións relacionadas con ese traballo.
A pasada semana conseguiron localizalo e comprobar que era a persoa que buscaban. A maxistrada da Sección Civil e de Instrución do Tribunal de Instancia Praza 7 de Torrelavega foi a encargada de dirixir a investigación.
O detido, tras pasar a disposición xudicial este sábado, ingresou en prisión provisional comunicada e sen fianza.