O Pacto Europeo polos Océanos quere conxugar sostibilidade ambiental e unha economía azul próspera
Os océanos producen o 50% do osíxeno do planeta e proporcionan alimentos, medicinas e combustibles
O 40% da poboación europea vive a menos de 50 quilómetros do mar
Os océanos albergan case un millón de especies pero so a terceira parte están rexistradas polos científicos. O que si se sabe con certeza desde hai tempo é que son o maior ecosistema do mundo.
Proporcionan alimentos, medicinas e combustibles e aportan unha función básica para a vida na terra. "O 70% da superficie do planeta está cuberta de auga de mar, de océanos.
"A maior achega que ten esa superficie é o osíxeno que vai á atmósfera que todos os seres vivos necesitamos", indica Victoriano Urgorri, Catedrático emérito de Zooloxía Mariña da USC.
Calcúlase que nos océanos hai cerca dun millón de especies
"Emerxencia oceánica"
A contaminación, o cambio das condicións ambientais ou a acidificación son algúns dos perigos que ameazan os océanos. Por iso, Nacións Unidas fala de "emerxencia océanica". Nos obxectivos de desenvolvemento sostible (nº14) afirma que a contaminación mariña está acadando niveis extremos.
En 2021 había máis 17 millóns de toneladas métricas de residuos e calcúlase que en 2040 esa cifra vaise duplicar. Na actualidade, o pH medio é de 8,1. Os océanos son un 30% máis ácidos que na época preindustrial. Ante esta situación, os científicos cren necesaria a cooperación internacional e a sensibilización social.
"Non só concienciación persoal, senón tamén dos poderes públicos. Saber que hai cousas que non podemos tirar o mar. Ás veces é por razóns económicas: sae máis barato tirar o mar que facer todo un proceso de destrución do produto", di Victoriano Urgorri, Catedrático emérito de Zooloxía Mariña da USC.
O Pacto Europeo polos Océanos é unha estratexia da Comisión Europea
A Lei dos Océanos, en 2027
Os océanos tamén son unha riqueza economicamente: a pesca emprega 57 millóns de persoas en todo o mundo e a industria do turismo marítimo xera 117.000 millóns de euros.
O Pacto polos Océanos é unha estratexia adoptada pola Comisión Europea que pretende conxugar sostibilidade ambiental e unha economía azul próspera.
Galicia en xeral e o sector pesqueiro en particular quere que se recoñezan as súas fortalezas: importancia da pesca artesanal e contribución á soberanía alimentaria. O pacto arrancou en 2025 cun orzamento de 1.000 millóns de euros para conservación e investigación e o ano que vén cristalizará nunha lei dos océanos.