Ghaleb Jaber Ibrahim equipara a súa viaxe de Palestina a Compostela coa do Apóstolo no pregón das festas
Ghaleb Jaber Ibrahim equipara a súa viaxe de Palestina a Compostela coa do Apóstolo no pregón das festas
Foi o promotor da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas da que agora é presidente honorífico
Nado en Palestina, chegou a Santiago en 1970 para estudar Medicina
Ademais de empresario hoteleiro converteuse nunha figura destacada do audiovisual galego
O empresario e promotor da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim, foi o encargado de abrir as Festas do Apóstolo deste ano. Ghaleb Jaber Ibrahim comparou a súa chegada a Compostela desde Palestina coa viaxe do Apóstolo pois, este mércores no pregón das festas, atopou un paralelismo entre a súa travesía desde 1970 co traslado en barca de Santiago o Maior.
Na balconada do Pazo de Raxoi, ante unha concorrida praza do Obradoiro, a alcaldesa, a nacionalista Goretti Sanmartín, presentou ao elixido para dar a benvida aos festexos e fíxoo destacando a súa formación médica, o seu carácter humanista e o seu compromiso coas reivindicacións do seu pobo.
Ghaleb Jaber, falou da cidade de acollida que é Compostela onde, tras poñer un pé con vinte anos, atopou moito máis do que esperaba: un fogar.
"Eu nacín en Palestina e iso non cambiará nunca, pero hai moitos anos que Compostela decidiu adoptarme e eu nunca lle puxen resistencia".
Da cidade destacou o seu patrimonio histórico, pero sobre todo "o humano", o da súa xente, esa que favorece que sexa punto de encontro, diálogo e intercambio cultural. Á súa patria natal non a esqueceu nas súas palabras, nas que invitou a coñecer outras realidades e a cuestionar os prexuízos e a indiferenza ante o sufrimento noutras partes do mundo.
Como tamén formaba parte do seu papel, animou a desfrutar Santiago, un Santiago en festas, e deixou como reflexión que se algo aprendeu "nestes máis de cincuenta anos" é que Compostela "non se explica, vívese".
A alcaldesa e o delegado do Goberno xunto ao empresario minutos antes do pregón. EFE
Nado en Einyabus, na actual Palestina, Ghaleb Jaber Ibrahim chegou a Santiago de Compostela en febreiro de 1970 para estudar Medicina. Na cidade desenvolveu unha ampla traxectoria como médico e empresario do sector hoteleiro e converteuse tamén nunha figura salientable do audiovisual galego coa creación da produtora CTV.
É presidente honorífico da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas, que creou en 1984 e desde onde impulsou iniciativas de diálogo intercultural e contribuíu a proxectar a imaxe de Santiago como un espazo de encontro entre culturas.