Catro detidos por unha vaga de roubos no interior de coches en Santiago
Os ladróns rompen as ventás e levan todo tipo de obxectos que se poden revender, mesmo as balizas V-16
A situación preocupa moito aos veciños, que piden máis presenza policial
A Policía Nacional detivo catro persoas nos últimos 15 días por unha vaga de roubos no interior de vehículos estacionados en Santiago
Os ladróns actúan en garaxes e tamén en coches aparcados na rúa. Rompen as ventás e levan todo tipo de obxectos que se poden revender, mesmo as balizas V-16. Hai decenas de vítimas na cidade.
O aparcadoiro de Pontepedriña, situado debaixo das vías do tren, foi un dos últimos onde actuaron os ladróns.
"É romper a ventá e roubar o que poden dentro. Cremos que está relacionado cos drogodependentes polo modo de proceder e a información que temos. Entón, rompen a ventá e levan o primeiro que atopan. O que nos sorprende é que parece que alguén está comprando as V-16 roubadas e a documentación e despois todo o que atopan, algunha moeda solta...", asegura Xosé Manuel Durán, presidente da asociación veciñal Raigame.
Segundo confirmou a Policía Nacional, estes casos levaron á detención de dúas persoas hai unha semana. Súmanse a outras dúas que arrestaron hai uns 15 días por sucesos semellantes, ás que conseguiron coller porque utilizaron as tarxetas bancarias que roubaban para realizar compras.
A situación preocupa os veciños das zonas afectadas.
"Esta zona do Ensanche está sendo un pouquiño máis insegura do habitual".
"Hai moita delincuencia por aquí. Debería haber máis seguridade, máis policía que controlase esta zona".
"Por esta zona hai moita inquietude ante a inseguridade".
Consellos para evitar roubos nos coches
Ante estes casos, cómpre lembrar unha serie de consellos, como evitar deixar á vista mochilas, portátiles, móbiles ou calquera outro obxecto de valor. Tamén é importante comprobar que se deixaron as portas e as ventás pechadas e, sempre que sexa posible, estacionar en zonas transitadas e iluminadas.