Publicador de contidos

Publicador de contidos

Shego, Julian Marley, La Perra Blanco y Eris Mackenzie, entre os artistas que poñerán música ás Festas do Apóstolo

Shego, Julian Marley, La Perra Blanco y Eris Mackenzie, entre os artistas que poñerán música ás Festas do Apóstolo

Tamén The Rapants, que pecharán as festas o día 31 na Praza da Quintana, e Lila Downs, que abriu o Mundial en México

O grupo Shego posa no 'photocall' da festa oficial de Spotify en Madrid / (Ricardo Rubio / Europa Press) O grupo Shego posa no 'photocall' da festa oficial de Spotify en Madrid / (Ricardo Rubio / Europa Press)
G24.gal 14/07/2026 13:17

Shego, Julian Marley, La Perra Blanco e Eris Mackenzie son algúns dos artistas que se suman ao cartel das Festas do Apóstolo de Santiago, que contarán con 10 días de música, desde o vindeiro mércores 22 de xullo.

Así o anunciou este martes a concelleira de Festas da capital galega, Pilar Lueiro, coincidindo coa presentación do cartel do evento, realizado pola ilustradora compostelá Iria Aldegunde. A autora destacou que é un cartel simbólico e esperanzador e fusiona a tradición compostelá cunha homenaxe ao ilustrador fusilado Camilo Díaz Baliño.

"Cando foi asasinado levaba 10 anos sendo autor dos carteis das festas de Santiago, entón queriamos levar por aí a proposta e creo que recolleu moi ben toda aquela cartelería de Díaz Baliño", expresou.

A continuación, Luerio desvelou novos detalles do cartel tras avanzar a semana pasada algúns artistas que o configurarían, como The Rapants, que pecharán as festas o día 31 na Praza da Quintana, e Lila Downs, que abriu o Mundial en México.

Neste contexto, anunciou que a Real Filharmonía inaugurará as festas o día 22, dando paso no mesmo escenario ao reggae do londiniense Julian Marley o día 23. Na véspera do día grande, o 24, actuará Lila Downs e a mestura pop-tradicional galega latinoamericana de Belém Tajes.

Así, o 25 será a xornada de folclore para abrir boca de cara ao domingo, cando terá lugar o TradFest. Haberá artesanía, animación, a banda municipal, máis de 12 horas de inspiración tradicional coa participación de artistas de Galicia, Arxentina, Portugal, Escocia e Castela e a celebración do Día do Traxe.

Xa a semana seguinte, o luns 27, actuará a artista de rock gaditana La Perrfa Blanco e o martes 28 poderase gozar da festa xitana galega Tarara, con moito flamenco galego e non galego. A rapeira madrileña Bewis de la Rosa e o galego Eris Mackenzie subirán ao escenario da Quintana o mércores 29 e o xoves será a quenda da banda indie-rock Shego. Finalmente, a banda The Rapants poñerá o ramo o 31 de xullo.

A maiores, un ano máis haberá orquestras na Alameda compostelá, onde actuarán a Orquestra Finisterre, a Orquestra Compostela, Tania Beiras e os Cumbia Pop, Costa Dorada e a Orquestra Suavecito. Tamén estarán na festa os peregrinos musicais os días 27 e 29 no Teatro Principal e o martes 28 en San Martiño Pinario.

Pilar Lueiro tamén sinalou que haberá un ano máis o ciclo Compostela Cinema, con proxeccións de luns 27 a xoves 30 en diferentes espazos da cidade; o xadrez ao aire libre na Alameda; o baile moderno na Quintana, ou a Festa Pícara o día 23 en Galeras.

Con respecto ás atraccións, estarán dispoñibles do 19 de xullo ao 2 de agosto na Alameda e contarán cun horario inclusivo sen ruído os días 21, 28 e 29 de 17:00 a 19:00 horas. Tamén alí estará situado o Punto Lila o 22 e o 31 de xullo de 20:00 a 01:00 horas.

Un dos principais atractivos das festas será a volta do espectáculo de luces, que se realizou por última vez antes da pandemia. Este proxectarase sobre a fachada do Pazo de Raxoi durante tres noites consecutivas.

A primeira será na madrugada do 24 ao 25, cando se poderá ver desde as 00:00 ata as 02:00 horas. Cada pase durará nove minutos e serán repetidos en intervalos de 15. Os días 25 e 26 arrincará unha hora antes, ás 23:00, e terminará ás 01:00 horas.

Así mesmo, haberá fogos artificiais os días 24 e 31, e tiraranse desde tres puntos: a Alameda, Cidade da Cultura e o Parque de Carlomagno, nas Fontiñas. O espectáculo comezará ás 23:30 horas e terá unha duración mínima de 18 minutos.

Polo momento e a pesar das preguntas dos medios de comunicación, non se desvelou o pregoeiro das festas, aínda que, segundo Lueiro, xa está confirmado. No entanto, avanzouse o orzamento das festas, que supera os 800.000 euros e reducen en cinco días a súa duración con respecto ao ano pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade