O día do Apóstolo tamén se celebra na feira cabalar con bos tratos, polbo e churrasco
Na feira entraron 370 cabalos para a venda e a exhibición
Xunto coa feira da Ascensión este é un encontro de referencia para o mundo equino galego
A tradición manda e o día grande do Apóstolo comeza para a xente da comarca no Mercado Nacional de Gando. Na feira cabalar mestúranse desde primeira hora tratantes e curiosos que acaban facendo negocio antes xa do mediodía. Esta mañá entraron 370 cabalos no mercado.
"O Apóstolo non é só misa e fogos artificias e actividades festivas. Esta é unha actividade lúdica e comercial que ten moita tradición e moito futuro", explica Carmen Méndez, encargada do mercado de gando de Amio
"Vin á feira porque son un grande afecionado ao mundo do cabalo, teño cabalos na casa e ves compañeiros cos que, durante o ano, coincides en feiras. Esta feira é importante no mundo equino de Galicia"
E calquera trato queda mellor asegurado cun petisco compartido. Ben sexa polbo, churrasco ou carne ao caldeiro, é un costume que tampouco se perde nesta festa.
Se hai cativos, a carballeira de Santa Susana tamén é sitio obrigado. Os bochinches e as atraccións chaman de lonxe pola rapazada. Anticipan unha tarde de festa que continúa con folclore galego na Quintana e verbena na Alameda.