O Sergas propón aos sindicatos que os PAC atendan os sábados pola mañá
Para iso, o Sergas previu incrementar prazas nas categorías de medicina de familia, enfermería e persoal de servizos xerais
O obxectivo, explican, é "seguir garantindo a cobertura da asistencia sanitaria nun contexto de déficit de profesionais en determinadas categorías", que serán negociadas cos representantes dos traballadores
A CIG cre que se trata de medidas "ambiguas"

O Sergas presentou este venres na Mesa Sectorial de Sanidade una unha proposta de liñas de actuación de recursos humanos en atención primaria, entre as que destaca a consideración dos sábados pola mañá como de atención continuada (PAC).
O obxectivo, explican, é "seguir garantindo a cobertura da asistencia sanitaria nun contexto de déficit de profesionais en determinadas categorías", que serán negociadas agora cos representantes dos traballadores.
Entre as medidas propostas está considerar, a partir do 1 de xaneiro de 2026, está este cambio de consideración dos sábados. Para iso, o Sergas previu incrementar prazas nas categorías de medicina de familia, enfermería e persoal de servizos xerais.
Esta iniciativa negociarase na próxima mesa sectorial cos representantes do persoal para regular un procedemento de voluntariedade incentivada.
Ademais, e co obxectivo de paliar o déficit de persoal en concreto na categoría de medicina familiar, reconverteranse todas as prazas vacantes desta categoría en facultativo especialista de atención primaria (FEAP), que inclúe a cobertura de polo menos dúas gardas de PAC ao mes.
Na reunión deste venres tamén se presentou a reconversión progresiva das prazas vacantes de enfermería de primaria en prazas das especialidades de enfermería familiar e comunitaria ou de enfermería pediátrica.
Así mesmo, está previsto que se realicen concursos específicos para captar profesionais en posesión do título de enfermería familiar e comunitaria que actualmente non estean a traballar en centros de saúde. Igualmente, fomentarase a formación de enfermería de familia para a cobertura en primaria de todas as prazas que se cren con esta especialidade.
Anticiparse ao Goberno
O Sergas destaca que con estas medidas buscan anticiparse na posta en marcha de actuacións. Lembran a este respecto que o Ministerio de Sanidade comunicou a próxima publicación, a principios de 2026, da Estratexia estatal de recursos humanos en atención primaria, que será a base sobre a que establecerán os criterios xerais sobre os que cada comunidade autónoma deberá elaborar o seu propio Plan de ordenación de recursos humanos antes de 31 de decembro de 2027.
Ademais de estar á espera das directrices que fixe o Ministerio de Sanidade, apuntan que tamén afecta á organización dos recursos humanos a negociación pendente do novo Estatuto Marco do persoal estatutario do Sistema Nacional de Saúde que lle corresponde ao Ministerio de Sanidade.
CIG: Medidas "ambiguas" e "sen negociación real
"Pola súa banda, a CIG mostrouse moi crítica coas medidas presentadas polo Sergas, que tachan de "ambiguas" e "inconcretas" e que, censuran, pilláronlles por sorpresa xa onte, posto que algunhas accións recóllense xa nos Orzamentos para 2026. Por esa razón, argumentan que, "unha vez máis", non hai negociación "real".