Un exame de retina descobre unha enfermidade oculta; non é maxia, é intelixencia artificial
As novas tecnoloxías permiten facer análises en tempo real e diagnósticos case inmediatos
Presentan en Vigo varios proxectos desenvolvidos en Galicia que xa están funcionando
A intelixencia artificial empurra a sanidade a pasos de xigante. A nova tecnoloxía permite xa realizar tarefas que hai pouco parecerían de ciencia ficción. Análises en tempo real, diagnósticos case inmediatos ou descubrir patoloxías que están ocultas. Son avances reais e que se impulsan dende Galicia.
Distintos grupos de investigación vencellados ás universidades e centros tecnolóxicos presentaron as súas innovacións nunha xornada en Vigo. A IA ten o superpoder de analizar enormes cantidades de datos en poucos segundos. É o método que se aplica no sistema de medición espectral desenvolvido por un equipo de Anfaco-Cytma. Nun momento, é quen de identificar as substancias presentes nun alimento.
"En tempo real poderías analizar a composición deses alimentos sen ter que enviar as mostras a un laboratorio, co tempo que iso levaría", asegura Camilo Rodríguez, enxeñeiro de I+D+i.
"Poder manexar grandes volumes de datos nun período moi curto de tempo e poder correlacionar diferentes variables permite avanzar nun diagnóstico precoz e tamén optimizar tratamentos", di Bibiana Pérez, do instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, dependente do Sergas.
Noutra demostración, un equipo da Universidade da Coruña aplica a intelixencia artificial nos exames de retina, unha práctica moi habitual xa no sistema sanitario.
A novidade é que o software é quen de recoñecer indicios que revelan que a persoa padece unha patoloxía ou ten o risco de padecela. E todo iso pode facerse cun dispositivo portátil, unha pistola oftalmolóxica que se coloca diante do ollo.
"E empeza a detectar signos que o ollo humano ten máis dificultades de ver. Poden indicar enfermidades neurodexenerativas, cardiovasculares ou incluso endócrinas", explica Pablo Guillemette, director comercial do grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns da UDC.
Análises e diagnósticos máis rápidos e, tamén, mellor formación. Outro dos proxectos que se presentan en Vigo é un simulador de colonoscopias fortalecido con intelixencia artificial. Por si mesmo pode guiar, corrixir e aconsellar os alumnos nas súas prácticas.
"A IA mediu que fun moi rápido na navegación e dime que debo reducir a velocidade, que debo mellorar a visualización", relata Adrián Lugilde, investigador de I+D+i do atlanTTic da Universidade de Vigo, mentres fai unha proba cos lentes de realidade virtual.
É o presente, como dicían no encontro de Vigo. Cousas que hai pouco parecerían imposibles.