Villamanín chega a un acordo para que todo o mundo poida cobrar o Gordo do Nadal
A comisión de festas do pobo leonés distribuíu por erro 50 participacións sen ter asignados os décimos correspondentes
Nunha tensa xuntanza, propuxeron detraer o 10% do premio de cada participación, que alcanza os 80.000 euros
A comisión porá ao dispor do resto de gañadores o décimo que xogaba e os premios persoais dos seus membros
Unha veciña fai declaracións tras a xuntanza. EFE/J. Casares
Os agraciados co Gordo do Sorteo Extraordinario da Lotería Nacional de Villamanín (León) chegaron a un acordo para que todas as persoas agraciadas coas participacións do primeiro premio vendidas pola comisión de festas do pobo poidan cobrar os seus premios.
A comisión distribuíu por erro 50 participacións, das 450 que venderon, sen ter asignadas os dez décimos premiados correspondentes, o que supón un total de 4 millóns de euros, polo que non se podía cobrar ningún premio ao venderse máis participacións das realmente premiadas.
Nunha xuntanza celebrada na tarde noite deste venres no Fogar do Pensionista de Villamanín, que contou cun cento de asistentes, propúxose detraer o 10% do premio de cada participación, que alcanza os 80.000 euros, co obxectivo de que todas as persoas premiadas poidan cobrar.
Tras o cobro do premio con esta rebaixa -a partir do 22 de marzo como data límite- a comisión de festas, formada por once persoas, porá ao dispor do resto de gañadores o décimo que xogaba a propia comisión, así coma os seus premios persoais.
O acordo non convenceu a todo o mundo porque só cubriría dous dos catro millóns en premios vendidos en participacións, polo que os gañadores terían que asumir finalmente unha redución dos premios, cun cantidade próxima aos 2.400 euros.
Denuncia se non cobran todo o premio
Os máis críticos din que non se fían da información que facilitou a comisión sobre os premios que cada un deles gañou, polo que anunciaron a presentaciónb dunha denuncia se non cobran a totalidade do premio que xogaban.
Por outra banda, outros se mostraban máis empáticos ao recoñecer que "son rapaces que cometeron un erro sen ningunha mala intención" e lembraron que puxeron ao dispor do resto de gañadores o décimo da propia comisión e as súas participacións persoais.
"Más non poden facer", aseguran en declaracións a EFE.
Durante a xuntanza, que se prolongou durante catro horas, vivíronse momentos de tensión. Houbo berros da veciñanza e crises de ansiedade entre os membros da comisión, envoltos na polémica tras traer a felicidade ao seu pobo.
Os máis prudentes lembraban que o día 21 ninguén tiña nada e "se gañamos o premio foi grazas á comisión", polo que se mostraban máis indulxentes para buscar un acordo consensuado.
Unha das participacións do número premiado. EFE/J.Casares
Comunicado oficial
Pola súa banda, a comisión emitiu un comunicado oficial no que recoñece as graves consecuencias de realizar mal o cálculo das papeletas e pide desculpas.
"Pedimos desculpas a todos os afectados pero queremos deixar moi claro que xamais existiu ningún tipo de fraude ou trampa (...) Só podemos dicir que os voluntarios, case todos mozos do pobo, pedimos axuda ao pobo nesta reunión e estamos emocionados pola resposta. A maioría dos asistentes entendeunos e mesmo mostrado o seu apoio", engadiron.
Ante a situación creada, trasladaron que van asumir incluso a perda do seu propio premio co fin de conseguir que o que empezou como unha alegría para todo o pobo o siga sendo ata o final, aínda que queden sen nada.
Así mesmo, eloxiaron que unha gran maioría dos portadores das participacións comprenderan que a mellor solución é "axudarnos entre todos, cobrar canto antes, evitar preitos e non converter unha boa noticia nun conflito".
Con este obxectivo, están a traballar nun "acordo xusto, transparente e con todas as garantías legais, pois terá supervisión xudicial, pensado no ben común e no futuro do pobo", conclúe o comunicado.