Os negocios aplican fórmulas para se achegar ao desperdicio cero
Cociña de aproveitamento e aplicacións móbiles para evitar que a comida acabe no lixo
A lei de desperdicio alimentario quere transformar a forma na que se produce, distribúe e consume a comida, buscando un compromiso coa sostibilidade que xa asumiron hai tempo moitos negocios.
Os fornos do obradoiro de La Empenada Viajera, situado no barrio coruñés da Agra do Orzán, coceron máis de corenta mil empanadas artesás o ano pasado.
En todo o proceso de elaboración está presente o obxectivo do desperdicio cero. Pero ademais desde aquí contribúen a que outros avancen na mesma senda. Levan uns meses colaborando con diferentes restaurantes, utilizando os desproveitos para os recheos dalgunhas empanadas.
"Fixemos unha empanada de guiso de polbo coa Pulpeira de Melide na que aproveitabamos as cabezas e agora estamos facendo unha empanada de cocido en colaboración co restaurante La Molinera, de Lalín, aproveitando os anacos de cacucha e demais que van apartando", explica Pablo Pizarro, a fronte do obradoiro coruñés.
Cos beneficios obtidos coas empanadas de aproveitamento apoian o labor de entidades sociais da cidade.
Esta vertente solidaria tamén estivo sempre presente na actividade da panadería Agra, que loita contra o desperdicio de alimentos a través unha aplicación móbil que lle permite verder o excedente de comida un prezo reducido.
"Facemos uns lotes con data curta e o cliente, a través da plataforma, retira aquí o produto. Normalmente hai sempre pan, doces e algo de comida", detalla María Botana.
Comida en perfecto estado que se salva de acabar no lixo.