Envían a prisión un dos novos detidos pola liorta de Ribeira acusado de tentativa de homicidio
Sospeitase que o home, tamén acusado de condución temeraria, lesións e de participar na rifa multitudinaria, era o condutor dun dos vehículos que atropelou á vítima mortal
Os outros tres detidos que pasaron este venres a disposición xudicial quedaron en liberdade

A xuíza do Tribunal de primeira Instancia de Ribeira número 3, en funcións de garda, decretou este venres prisión provisional, comunicada e sen fianza para un dos catro detidos en Ribeira pola liorta do 1 de xullo pasado, na que faleceu un home, e que pasaron este venres a disposición xudicial.
O home enviado a prisión está investigado por condución temeraria e tentativa de homicidio, ao considerarse sospeitoso dun dos atropelos que lle causaron a morte á vítima desta liorta.
Os outros tres foron postos en liberdade con medidas de afastamento, investigados por lesións e rifa tumultuaria, delitos que tamén se lle atribúen ao home para quen se decretou o ingreso no cárcere.
Os catro foran trasladados esta mañá desde dependencias policiais ata os xulgados de Ribeira para comparecer ante o Tribunal de Instancia número dous.
Todos eles son membros da mesma familia e foran detidos no marco dunha ampla despregadura policial posta en marcha sobre as 11:00 horas do pasado mércores no poboado da Conlleira, en Ribeira.
Primeiros detidos en Santiago
A detención destas persoas sumouse a outra media ducia de arrestados procedentes de Santiago que xa foron detidos o propio día da pelexa. Estes últimos pasaron á disposición xudicial o 4 de xullo nos xulgados de Ribeira, onde se ditou o envío a prisión preventiva dun deles, acusado dun delito de homicidio (imprudente ou doloso) ao ser sospeitoso do segundo atropelo que sufriu a vítima mortal, con quen tiña un vínculo familiar. Ademais acúsaselle de lesións con instrumento perigoso e atentado contra a autoridade.
Ademais, os outros cinco arrestados en plena peaxe da AP-9 tras unha persecución policial (tres homes e dúas mulleres) foron postos en liberdade investigados por participar na liorta.
Tanto nos xulgados como na propia localidade, reforzouse este venres a presenza das forzas e corpos de seguridade a pasada semana para evitar que poida haber novos incidentes.
En concreto, durante a celebración dunha pedida de man no Centro Recreativo de Artes desatouse esta pelexa con múltiples persoas implicadas, na que un home faleceu e varias persoas quedaron feridas.
Tras iso, os primeiros seis arrestados foron detidos nunha peaxe da AP-9 cando viaxaban cara a Santiago, lugar de residencia dunha das familias implicadas. O ferido que se atopaba hospitalizado foi dado de alta o xoves pasado.