Prisión provisional por homicidio para o irmán do falecido na pelexa de Ribeira
Cinco dos arrestados quedan en liberdade, dous con prohibición de entrar no municipio
Familiares aseguran que foron mediar e critican o trato policial

Un dos detidos pola pelexa rexistrada o pasado martes en Ribeira, irmán da vítima mortal, ingresou este venres en prisión provisional acusado dun delito de homicidio (imprudente ou doloso), lesións con instrumento perigoso e atentado contra a autoridade.
Segundo fontes xurídicas, a xuíza do Xulgado de Instrución número 2 de Ribeira atribúelle conducir un dos vehículos que atropelou o home falecido, co que tiña vínculo familiar. Os outros cinco arrestados –tres homes e dúas mulleres– foron postos en liberdade, aínda que investigados por lea tumultuaria. A dous deles impúxoselles a prohibición de entrar no termo municipal de Ribeira.
Versión da defensa e protestas da familia
O avogado dos detidos asegurou que os seus clientes coñeceron o falecemento do familiar este mesmo venres e defenden que non foron responsables da súa morte. Segundo esta versión, hai testemuñas que afirman que a vítima aínda estaba con vida cando abandonaron o lugar dos feitos.
Ata os xulgados achegáronse este venres varios familiares para recoller os detidos e, segundo declararon, tratar de mediar para evitar represalias. Un deles, Antonio Ventos Caamacho, pastor evanxélico e primo do falecido, explicou que todo comezou por unha pelexa entre dous mozos, un de Santiago e outro de Ribeira.
Outro familiar, Julio Ventos Montoya, tío da vítima e patriarca da familia de Santiago, denunciou que a policía lle rompeu o móbil e lle lesionou unha man ao interceptalo. Asegura que levaba un mango de pico que acababa de mercar en Santiago para o seu traballo como albanel, cando recibiu a chamada para ir a Ribeira recoller os familiares.
Unha pedida de man entre dúas familias que xa tiveran problemas
A pelexa tivo lugar durante unha celebración organizada por membros de dúas familias de etnia xitana, os Bentos e os Borjas, nun centro recreativo do lugar de Artes. Segundo explicou o alcalde, Luis Pérez, a festa derivou nunha pelexa "completamente descontrolada", con mesas e cadeiras voando e o caos estendéndose do interior ao exterior do local.
Durante os incidentes produciuse un atropelo mortal que causou a morte de Juan Manuel Bentos Montoya.
As causas concretas da liorta continúan baixo investigación, aínda que, segundo o rexedor, as dúas familias xa tiveran algún enfrontamento previo.
Desde o martes, día da pelexa, reforzouse a presenza policial tanto en Ribeira como nos xulgados e no cemiterio de Boisaca, onde se celebrou o enterro do falecido. A medida busca evitar novos incidentes entre as familias enfrontadas.
E as ameazas seguen en redes sociais
Nas redes sociais circulan vídeos da pelexa nos que se aprecian golpes con paus, bastóns e armas, así como o uso de disparos disuasorios por parte da policía, que non conseguiron frear os altercados.
Durante a xornada de declaracións nos xulgados houbo unha forte despregadura policial, debido en parte a unha ameaza de vinganza difundida en TikTok por un familiar da vítima.