A verbena dunha parroquia de Amoeiro remata en batalla campal
A comisión de festas, que celebraba este ano o 40 aniversario, viuse na obriga de poñer fin á verbena
Houbo varias persoas feridas sen gravidade
O 40 aniversario das festas da parroquia de Bóveda, en Amoeiro, converteuse o sábado nunha batalla campal. Unha pelexa multitudinaria con paus, cadeiras e a patadas deixou varios feridos leves.
Sospeitan que a pelexa comezou entre dous mozos aos que escoitaron berrar no medio da actuación musical. O problema agrandouse cando un deles pediu reforzos e chegou un coche con homes armados con paus, que batían presuntamente na xente que atopaban polo camiño e que non tiña que ver coa liorta.
Antes de que chegase a Garda Civil, os presuntos agresores xa se dispersaran. A comisión de festas viuse na obriga de parar a verbena.
Varias persoas foron feridas, pero sen gravidade, e polo momento non hai presentada ningunha denuncia na Garda Civil.