Investigan quen conducía a furgoneta branca que atropelou a vítima da pelexa de Ribeira
Un dos feridos na liorta en Ribeira permanece ingresado "en estado grave"
Localizan en Santiago un dos vehículos implicados no suceso
As forzas de seguridade incrementan os controis na zona
Un dos feridos na pelexa multitudinaria rexistrada na tarde do martes no Centro Recreativo de Ribeira permanece ingresado e evoluciona favorablemente no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Ademais, tal e como confirmaron fontes sanitarias, os nove atendidos nos servizos de Urxencias do Hospital do Barbanza xa foron dados de alta.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, lembrou este mércores que a pelexa rematou cunha persoa falecida e varias feridas, das que unha delas, segundo o indicado, "está en estado grave".
Un dos vehículos implicados na liorta foi localizado nunha vivenda da zona da Lavacolla, en Santiago de Compostela. O vehículo foi interceptado nunha casa vinculada á familia de Santiago implicada na pelexa.
De feito, unha das vías de investigación sinala que o falecido, de 36 anos, puido morrer atropelado por un dos seus cando trataba de fuxir do recinto pero as pescudas están aínda nunha fase moi inicial.
Porén, desde a familia da vítima negan que fose así. Este mércores á mañá, unha irmá da vítima sinalaba, en declaracións a Televisión de Galicia, que era un membro da outra familia, a quen identifica co nome de Samuel, quen conducía ese vehículo: "Apareceu el coa furgoneta a pillar".
Ademais, hai un total de seis persoas detidas en relación a estes feitos sucedidos durante unha pelexa que se rexistrou durante a celebración dunha pedida de man.
Respecto diso, o delegado do Goberno en Galicia destacou a "celeridade" coa que actuou a Policía e a Garda Civil e detallou tamén que se deu a orde de incrementar a presenza dos corpos e forzas de seguridade do Estado.
O alcalde de Ribeira, Luis Barral, explicou en declaracións a Televisión que en contacto coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, para pedir reforzo policial e unha maior presenza das forzas de seguridade na zona.
Pedro Blanco tamén indicou que os axentes tratan de esclarecer os motivos polos que se produciu a liorta e se existen máis persoas que puidesen participar nesta pelexa multitudinaria para proceder á súa detención.
As persoas arrestadas permanecen detidas e pasarán a disposición nas próximas horas.