Unha falsa páxina de turismo sitúa en Redondela cabo Silleiro, Combarro ou as fragas do Eume
Tamén ilustra con fotos enganosas lugares que si existen no municipio
O Concello avisou catro organismos públicos para que a retiren de Internet
Están as Fragas do Eume en Redondela? E a praia de Samil? E os hórreos de Combarro? Pois algúns están chegando á vila pensando que si.
O Concello de Redondela denunciou ante catro organismos públicos que existe unha falsa páxina de turismo na Internet que sitúa no municipio unha morea de lugares que non están alí. Algúns son recursos localizados noutros sitios de Galicia, como o faro de cabo Silleiro, e outros, puntos que si pertencen a Redondela pero que se ilustran con fotos enganosas, como a igrexa de Santiago, que se identifica cunha imaxe do santuario das ermidas, no Bolo. No Concello e na oficina de turismo xa recibiron varios avisos sobre as confusións que provoca a páxina.
"Só con mirar a web, se es de aquí, xa te decatas de que é case todo falso", asegura Remedios Alló, encargada da oficina de turismo de Redondela. "Está todo feito con copia e pega".
A páxina é https://turismoredondela.es/. É o segundo resultado que aparece nun buscador se un escribe "turismo" e "Redondela". Ademais, a aparencia superficial é o dunha páxina oficial. Iso pode levar a moitas equivocacións porque o Concello calcula que arredor do oitenta por cento da información é errónea. Os técnicos de informática intentaron contactar co responsable da web, pero só figura un correo electrónico.

Dúas hipóteses
Dende o Concello de Redondela manexan dúas hipóteses: que alguén crease a páxina falsa para atraer visitas e acabar gañando cartos se consegue publicidade ou, talvez, que sexa o produto de algo así como un traballo escolar ou práctica académica. En calquera caso, reclaman que se retire para evitar unha mala imaxe para a vila.
"A maioría dos turistas de Redondela son peregrinos e temos moitos problemas porque eles mesmos denuncian a situación na oficina de turismo", explica a alcaldesa, Digna Rivas.
En calquera caso, Redondela ten atractivos auténticos dabondo: da illa de San Simón a monte Penide, da fervenza da Feixa aos viadutos do tren. E a verdadeira páxina de turismo é esta, https://redondela.gal/es/pagina-oficial-de-turismo-del-ayuntamiento-de-redondela/, única, coma a vila.