Monte Alto xa ten a súa camiseta da man de Zara
A firma de Inditex estampa o nome do icónico barrio coruñés nunha das súas pezas masculinas
Zara, o buque insignia do xigante téxtil da moda, fai un novo aceno á cidade onde naceu hai 50 anos. O barrio de Monte Alto xa ten a súa camiseta.
"Ten un significado especial para moita xente de Inditex porque creo que residen bastantes empregados por esta zona, e paréceme ben, é unha homenaxe aos seus empregados tamén", comenta un veciño do barrio.
Pero que ten de especial Monte Alto?
"Temos o que non ten ninguén na Coruña. A torre, o cemiterio, a praia de San Amaro, a das Lapas que máis podemos pedir?".
"É un barrio do que me sinto moi orgulloso, son de aquí de toda a vida e é algo que está ben que saia nas camisetas".
"Indiferente de onde sexas, todos os da Coruña sentímonos un pouquiño de Monte Alto e sobre todo para os nados neste barrio pois é algo que levamos, moi, moi dentro".
A camiseta de estilo retro deportivo forma parte da nova colección para homes, algo que non gustou moito entre as mulleres do barrio.
"Preciosa, mágoa é que non a fai para mulleres".
"Gústame, pero deberían telas en feminino".
"Imos buscar un punto neutro, un punto de encontro e dicir que a moda é unisex, así que imos explotalo e que vaian e compren tamén a de rapaz, que está moi guai".
En nada medio barrio vai lucir a súa camiseta
"Está moi ben creo que vai ser un top vendas".
"Vina hoxe a camiseta e pola tarde vou ir buscala".
"Paréceme ben que o faga cos barrios, ademais o 15002 mola".