Publicador de contidos

Publicador de contidos

Inditex gaña 6.220 millóns en 2025, un 6 % máis, e encadea o seu cuarto ano de récord

Inditex gaña 6.220 millóns en 2025, un 6 % máis, e encadea o seu cuarto ano de récord

As vendas incrementáronse un 3,2 %, para chegar a 39.864 millóns, unha cifra que nunca antes alcanzara, pero, do mesmo xeito que o ano pasado, sufriu unha desaceleración no ritmo de incremento respecto ao exercicio precedente

Inditex abriu tendas en 41 mercados en 2025 e mantívose moi activa en proxectos de optimización de tendas, con 190 aperturas, 217 reformas que inclúen 96 ampliacións e 293 absorcións

G24.gal 11/03/2026 07:43 Última actualización 11/03/2026 12:39

Inditex, a maior empresa cotizada española, gañou 6.220 millóns de euros no seu exercicio fiscal de 2025 (pechado o 31 de xaneiro de 2026), o cal supón un avance do 6 % interanual, que lle permite encadear o seu cuarto ano consecutivo de resultados récord.

As vendas incrementáronse un 3,2 %, para chegar a 39.864 millóns, unha cifra que nunca antes alcanzara, pero, do mesmo xeito que o ano pasado, sufriu unha desaceleración no ritmo de incremento respecto ao exercicio precedente, segundo os datos que enviou este mércores á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Inditex abriu tendas en 41 mercados en 2025 e mantívose moi activa en proxectos de optimización de tendas, con 190 aperturas, 217 reformas que inclúen 96 ampliacións e 293 absorcións. Ao peche do exercicio 2025 operaba 5.460 tendas.

Zara, a súa bandeira, alcanzou os 28.051 millóns en vendas netas

Zara (que inclúe Zara Home e Lefties) segue a ser de onde obtén a maior parte das súas vendas netas, con 28.051 millóns, seguida de Bershka, 3.286 millóns; Stradivarius, 3.002 millóns; Pull&Bear, 2.546 millóns; Massimo Dutti 2.019, e Oysho 960.

A marxe bruta (as vendas menos o custo das mercadorías) situouse en 23.222 millóns de euros, un 3,9 % superior á de 2024, e representa o 58,3 % das vendas. O control dos gastos operativos foi rigoroso, segundo explica.

Os gastos de explotación aumentaron un 2,8 % respecto a 2024, 39 puntos básicos por baixo do crecemento das vendas. Os gastos de persoal pasaron de 5.643 millóns a 5.914 millóns en 2025, mentres que os arrendamentos pasaron de 1.072 millóns a 1.085. O resultado operativo (EBITDA) creceu un 5 %, ata 11.267 millóns.

Investimentos de 2.300 millóns para 2026

Para 2026, estima uns investimentos ordinarios de arredor de 2.300 millóns, que se dedicarán principalmente á optimización do espazo comercial, a súa integración tecnolóxica e a mellora das plataformas en liña. O grupo prevé incrementar nun 5 % o espazo bruto anual en 2026.

Prevé abrir a súa primeira tenda de Zara en Curação (O Brasil). Ademais, Bershka lanzará as súas primeiras tendas no Brasil e os Estados Unidos. Massimo Dutti continuará coa súa expansión nos Estados Unidos e abrirá as súas primeiras tendas en Dinamarca e Noruega. Pull&Bear abrirá en Dinamarca. Zara Home terá as súas primeiras tendas en Irlanda e Noruega. Lefties continuará a súa expansión coas súas primeiras aperturas no Reino Unido e Francia.

O seu conselleiro delegado Óscar García Maceiras considerou satisfactoria a evolución das vendas en todos os formatos e en todos os territorios. As vendas a tipo de cambio constante creceron un 7 %.

Amancio Ortega percibirá 3.234 millóns con cargo ao dividendo de Inditex de 2025 

O empresario Amancio Ortega embolsará 3.234 millóns de euros con cargo aos dividendos de 2025 de Inditex, despois de que o grupo téxtil, do que posúe o 59,29 % das accións, establecese un novo beneficio récord. Amancio Ortega, o home máis rico de España, ten 1.848 millóns de accións de Inditex, segundo os datos que achegou a empresa este mércores á Comisión Nacional do Mercado de Valores. O 50,010 % destas accións posúeas a través do seu vehículo investidor Pontegadea e o resto a través de Partler Participacións.

A súa filla Sandra Ortega, que é propietaria do 5,05 % da compañía, con 157,48 millóns de accións e onde non ten dereito de voto, percibirá 275,45 millóns. Pola súa banda, Marta Ortega, presidenta de Inditex, é propietaria de 42.511 accións da compañía, polas que recibirá 7.242 euros en concepto de dividendo. O conselleiro delegado de Inditex Óscar García ten 118.329 accións, polo que percibirá 207.075 euros en dividendos.

O Consello de Administración de Inditex aprobou un dividendo de 1,75 euros por acción con cargo aos resultados de 2025, un 4,17 % máis que o que aboou o ano pasado. O grupo, propietario de empresas como Zara, reparte o 60 % do beneficio anual entre os seus accionistas, o que denomina dividendo ordinario, que ascende a 1,20 euros, ao que suma un dividendo extraordinario de 0,55 euros por acción.

A guerra en Oriente obrigou a peches temporais dalgunhas tendas de Inditex

A situación en Oriente Medio afectou temporalmente algunhas das tendas do grupo Inditex a semana pasada, aínda que a maioría delas actualmente están abertas, segundo informou o conselleiro delegado, Óscar García Maceiras.

O grupo téxtil español, propietario de tendas como Zara, está a monitorizar "moi de preto" a situación na rexión e presentado apoio aos seus equipos locais, afirmou este mércores na conferencia con analistas o seu conselleiro delegado con motivo da presentación de resultados.

García Maceiras detallou que a compañía opera a través dunha rede de franquiados na rexión. Explicou que algunhas tendas víronse afectadas por peches temporais, aínda que a gran maioría dos establecementos están actualmente abertos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos