Bizum chega ás tendas: en maio lanzará un sistema global para facer compras presenciais co móbil
A plataforma permitirá facer pagamentos achegando o teléfono a un datáfono
Distintos negocios en Galicia xa admiten o Bizum para cobrar vendas físicas
Bizum anuncia que esta mesma primavera lanzará un sistema para facer pagamentos en compras presenciais a nivel xeral.
A fórmula do diñeiro telefónico, creada en 2019, utilízase cada vez máis para as compras en liña e, sobre todo, para facer transaccións entre particulares, pero a empresa quere dar un paso máis. De acordo cos bancos que se sumen á idea porá en marcha a tecnoloxía para poder facer pagamentos dun xeito sinxelo, simplemente achegando o teléfono a un datáfono. Aínda que de momento son poucos, en Galicia xa hai negocios que admiten Bizum para compras presenciais, ben sexa enviándolle cartos ao vendedor ou a través do datáfono.
"Porque vén moito rapaz de doce, catorce, quince anos que che preguntan se lles deixas facer Bizum e poñen esa cariña de pena e dis, pois veña, faime Bizum", conta Marta Alonso, pioneira en cobrar vía Bizum no barrio vigués do Calvario, no seu despacho de pan O Millo Rebelde.
"A xente nova si adoita pagar con Bizum. Si é certo que é o un ou os dous por cento pero algo é", completa a súa filla Xeila, que tamén acepta Bizum na cafetaría que ten a familia no mesmo barrio, Pasito a pasito.
Bizum planea lanzar o novo sistema de inmediato, podería ser incluso no mes de maio. No mercado do Calvario atopamos dous postos, parede con parede, que xa aceptan este sistema de pagamento a través do seu banco. De momento, son poucos os clienten que o utilizan.
"Pero iso é como a primeira vez que che pagan co móbil ou co anel, que quedas sorprendido e despois faise habitual", relata Marcos Riesco, o titular de La Charcutería del Calvario.
"No meu caso é moi cómodo para todo o que vendo en servizo a domicilio. A xente dende a súa casa fai o pedido por Whatsapp, eu mándolle foto do recibo e eles fanme Bizum", engade Sandra Franco, de Frutas Maruja.
Co novo sistema, os pagamentos serán inmediatos e sen que sexa necesario ter conexión á Internet. A cambio, a empresa cobrará unha comisión por cada transacción. Bizum asegura que o último ano o uso da súa fórmula aumentou un trece por cento. Máis de trinta millóns de persoas empregaron esta tecnoloxía en Europa.