Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda explorará relacións comerciais e turísticas coa China

Rueda explorará relacións comerciais e turísticas coa China

O presidente da Xunta defenderá "a estabilidade institucional e a seguridade xurídica" que ofrece Galicia para os investimentos

Manterá varias xuntanzas a nivel empresarial, con empresas como SAIC Motor, líder do sector da automoción no xigante asiático

Alfonso Rueda, participa no Foro Económico 'Wake Up, Spain! Wake Up, Europe!'. EFE/Borja Sanchez-Trillo. Alfonso Rueda, participa no Foro Económico 'Wake Up, Spain! Wake Up, Europe!'. EFE/Borja Sanchez-Trillo.
G24.gal 14/04/2026 16:45

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazarase a próxima semana á China para explorar relacións comerciais e en materia de turismo que beneficien o sector produtivo galego, dado o potencial económico do xigante asiático.

Segundo informou a Xunta, a viaxe de Rueda, na que tamén participará a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, comezará o xoves 23 de abril con encontros en Shanghai, e continuará o venres e o sábado en Pequín.

Entre outras actividades, a axenda do presidente galego contempla reunións empresariais, como as previstas con SAIC Motor, líder do sector da automoción nese país, e Anji Logistics; Hasco ou Qing Tao; e con empresas galegas xa presentes no mercado chinés, así como unha actividade de promoción turística.

Cos seus interlocutores, Rueda defenderá "a estabilidade institucional e a seguridade xurídica" que ofrece Galicia, uns argumentos cos que presentará a comunidade como "un territorio seguro que presenta vantaxes competitivas para a captación de investimento estranxeiro e a implantación de novas liñas de negocio", explica o Goberno galego.

Lorenzana, pola súa parte, comezará a visita un día antes, o mércores 22 de abril, para manter encontros de traballo con Citic Group, un conglomerado empresarial, e con altos cargos da provincia de Zhejiang e da cidade de Hangzhou.

Esta visita enmárcase nos contactos que mantén a Administración autonómica galega co obxectivo de aproveitar as posibles oportunidades de cooperación entre Galicia e o país asiático.

Neste ámbito, en setembro tivo lugar en Santiago de Compostela un foro entre empresas da comunidade autónoma e da China; e en novembro responsables da Consellería de Economía desprazáronse a ese país para facilitar contactos empresariais.

A Xunta destaca que, neste sentido, a antena na China do Igape está a xogar un papel fundamental á hora de identificar oportunidades e reforzar o papel de empresas galegas.

Actualmente, hai 190 empresas galegas presentes na China de maneira constante e un 43 % que exportan de maneira estable ao país.

En materia turística, o Goberno galego traballou este ano en proxectar o Camiño de Santiago, coa vista posta no Xacobeo 2027 no que se prevé unha afluencia histórica.

Co obxectivo de promocionalo, Turismo de Galicia está a levar a cabo accións en distintos mercados internacionais, incluído o chinés. De feito, a próxima semana chegará a Galicia un grupo de axentes de viaxe chineses nunha acción promocional encamiñada a familiarizalos co mercado galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade