A ondada obrigou a prohibir o baño en praias de Bueu e Sanxenxo
Houbo que rescatar bañistas que ignoraron a bandeira vermella
Aemet mantén o aviso por mar de fondo hoxe, pero só no litoral coruñés
Os restos do furacán Erin deixáronse notar na costa galega, con ondas de máis de seis metros e moito perigo no mar en pleno mes de agosto.
"A onda absórbete, a resaca onte era moi grande... A onda cóllete e tírate ao fondo. É difícil saír se te colle", explica Adrián Francisco Rodríguez, socorrista da praia de Lapamán, en Bueu.
De feito máis dun se viu sorprendido pola altura de onda, que obrigou a prohibir o baño en praias habitualmente tranquilas como a de Lapamán, en Bueu.
"Era unha imaxe de inverno, foi un día especial coa marea tan viva e esas ondas, normalmente é unha praia moi tranquila".
"Mesmo tiveron que sacar unha muller da auga que se meteu polo mañá antes de que chegasen os socorristas".
Malia a bandeira vermella, os socorristas tiveron que facer varios rescates na auga.
"Antes de chegar nós, houbo un rescate dunha muller. Despois nós fixemos outro na esquina da praia e axudamos a saír xente que non fixo caso. Uns rapaces viñeron nadando desde un barco e pretendían regresar así, coa bandeira vermella", engade o socorrista de Lapamán.
En Sanxenxo o Concello precintou o acceso á zona de Foxos e tivo tamén que prohibir o baño en areais como o de Montalvo ou o da Lanzada. Tampouco na area había oco onde pousar a toalla, porque o mar de fondo veu acompañado de mareas vivas.
Malia que hoxe a situación mellorou, cómpre seguir atentos ás ondas.
"Seguirán sendo altas, ata de catro metros, hai que ter moita precaución hoxe no mar", di Juan Taboada, meteorólogo de MeteoGalicia.
Así que non baixen a garda, sobre todo no litoral coruñés onde a Aemet mantén activo o aviso por mar de fondo ata esta noite.