Pasan á disposición xudicial sen incidentes os detidos pola liorta de Ribeira
As forzas de seguridade despregaran un importante dispositivo na contorna dos xulgados de Ribeira tras as ameazas polas partes implicadas nesta pelexa

Os seis detidos pola pelexa ocorrida durante unha pedida de man en Ribeira que concluíu cunha vítima mortal e lesionados pasaron este venres á disposición xudicial sen que se producisen incidencias.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, do mesmo xeito que a Delegación do Goberno, optou pola cautela e por non avisar nesta ocasión do momento en que isto se ía producir, por razóns de seguridade.
A liorta produciuse entre clans familiares: Os Bentos, por unha banda, e Os Borjas, por outra. Foi nunha festa de compromiso no centro recreativo de Artes. O festexo rematou nunha disputa completamente descontrolada, pois no local voaron mesas e cadeiras e desatouse o caos, primeiro no interior e despois no exterior, onde foi gañando intensidade.
Nun momento prodúcese unha fuxida descontrolada en coches e furgonetas e hai un atropelo, obxecto de investigación por se o seu carácter é accidental ou intencionado, que lle custou a vida a Juan Manuel Bentos Montoya.
Os motivos da rifa multitudinaria tamén forman parte desas pescudas e todas as hipóteses continúan abertas, como explicaron fontes do caso.
En redes sociais circulan vídeos nos que se ve o cariz da rifa, con secuencias con paus, bastóns, armas e golpes que a pesar dos disparos disuasorios da policía non cesaban.
Nos xulgados houbo unha importante despregadura policial, en parte pola ameaza dun familiar do falecido, que nun vídeo subido a TikTok di que haberá vinganza.
Os controis para frustrar estas posibles represalias foron unha constante desde que o martes se produciran estes feitos, con decenas de implicados.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, contou o xoves que as investigacións seguen o seu curso e que se vai estreitando o cerco sobre aqueles que tiveron un papel relevante. "Non se descartan máis detencións", dixo tamén o alto comisionado.