Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha liorta entre clans rivais deixa un morto e varios feridos en Ribeira

Unha liorta entre clans rivais deixa un morto e varios feridos en Ribeira

Cando menos seis persoas implicadas no suceso foron arrestadas, varias delas na peaxe da AP-9 en Teo tras unha persecución

Ata a zona desprazáronse os antidisturbios, o helicóptero do 061 e varias ambulancias

Un dos feridos na pelexa permanece ingresado "en estado grave"

O enfrontamento produciuse entre membros de dúas familias
G24.gal 01/07/2025 21:46 Última actualización 04/07/2025 09:58

Un home faleceu, tres persoas quedaron feridas de gravidade e catro foron detidas tras unha pelexa multitudinaria. O suceso tivo lugar no centro recreativo da parroquia de Artes, en Ribeira, durante a celebración dunha festa de pedida de man.

Segundo fontes próximas á investigación, o enfrontamento comezou dentro do local social, situado nunha zona habitada con vivendas arredor, e pronto se trasladou á rúa.

A liorta, na que se utilizaron armas brancas e bates de béisbol, causou danos materiais no recinto e alarmou os veciños. Soaba a música e, sen que ninguén se explique aínda como, a festa tornouse en traxedia.

"Empezou a saír xente do local, sobre todo, mulleres con carriños e nenos. Sentíase moito ruído dentro, cristais, e xente fóra collendo bastóns, paus", conta emocionada unha testemuña.

Uníanse dúas familias, a da noiva, de Ribeira, e a do noivo, suponse que de Santiago. Foron a parte que saíu peor parada, cun morto e un ferido moi grave. 

"Nós estabamos gozando e viñeron con cadeiras e con paus. Nós iamos saír para fóra para coller os coches e marchar para Santiago e colleron a un primo meu a soas, rebentárono e déronlle un machadazo no pescozo. Despois pasou unha furgoneta branca, atropelou ao meu tío e faleceu", confirma un dos convidados

O alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, en declaracións á Televisión de Galicia dixo que se descoñece o detonante, pero que os policías atoparon unha pelexa "completamente desbocada con moitísimos integrantes pelexando entre eles". Confirmou que o falecido é un home de mediana idade e que faleceu a causa dun atropelo, e que os disparos que se realizaron no lugar foron por parte da policía e de carácter disuasorio.

A Policía Nacional, coa colaboración da Garda Civil e a Policía Local, activou un amplo dispositivo de seguridade que incluíu a Unidade de Intervención Rápida (UIP) desprazada dende Santiago de Compostela.

O atropelo que lle custou a vida á vítima deste suceso produciuse no medio da confusión, cando algúns dos participantes na pelexa trataban de fuxir do lugar. Ademais, os feridos presentan lesións de diversa consideración por arma branca e obxectos contundentes.

A tensión prolongouse ata a autoestrada AP-9, onde se produciu unha persecución que rematou coa detención de varios implicados na peaxe de Teo, antes de chegar a Santiago. A Garda Civil conseguiu interceptar os vehículos que trataron de fuxir do lugar dos feitos.

Os participantes nesta pelexa son dúas familias, que xa de antes tiñan malas relacións, unha de Ribeira e outra de Santiago. Na capital galega tamén hai despregado un dispositivo policial a causa do "atrincheiramento" dalgúns dos participantes na liorta nunha vivenda da Lavacolla e que estarían sendo buscados polas forzas de seguridade.

No Hospital do Barbanza continúan hospitalizadas varias persoas, onde tamén se mantén presenza policial para evitar novos altercados.

Un familiar da vítima, veciño de Santiago, relataba este mércores á mañá a un equipo da Televisión de Galicia que "todo ocorrera de repente". "Viñeron os mozos de Ribeira con cadeira e paus. Nós estabamos para marchar e colleron un curmán meu e déronlle un machadazo no pescozo", explica, "e logo pasou unha furgoneta branca e atropelou a meu tío e faleceu".

"Queremos xustiza, isto non pode quedar así", asegura un sobriño do home falecido no suceso.

As causas exactas da disputa seguen baixo investigación, pero fontes oficiais sinalan a magnitude da violencia como "tremendamente grave". A Policía Nacional xa asumiu as pescudas do caso, que continúa aberto.

Durante os próximos días está previsto que a presenza policial se reforce tanto en Ribeira como nos barrios de Santiago onde residen os implicados nesta liorta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade