O incendio na Pobra do Brollón cruza o Sil e acumula xa máis de 800 hectáreas queimadas
A Deputación de Lugo suspendeu as viaxes en catamarán polo río Sil para que os medios aéreos carguen auga con seguridade
Na provincia de Lugo hai dous incendios activos e un controlado
Na provincia de Lugo hai dous activos, un na Fonsagrada, que non ten risco para vivendas e o da Pobra do Brollón, que continúa en nivel 2 e xa cruzou o río Sil.
A Fonsagrada-San Pedro de Río: 30 hectáreas
Dende ás 01.50 horas está activo un incendio forestal no concello lucense da Fonsagrada, parroquia de San Pedro de Río, que segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 30 hectáreas.
Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 7 axentes, 17 brigadas, 15 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 4 avións.
Bombeiros e veciños traballan para salvar colmeas, animais e evitar que o lume chegue á aldea de Aguiar, onde hai dúas casas habitadas.
O lume prendeu de madrugada a ambos lados dunha estrada. Todo apunta a que foi intencionado.
A Pobra do Brollón-Abrence. Activada Situación 2 : 800 hectáreas
Desde as 13.06 horas deste luns está activo un incendio forestal no concello lucense da Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 800 hectáreas. Neste incendio decretouse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade aos núcleos de Golmar, nesta mesma localidade; e nos de Conceado e San Pedro, xa no municipio veciño de Quiroga.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 9 técnicos, 44 axentes, 50 brigadas, 37 motobombas, 5 pas, 8 helicópteros e 13 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Nin as condicións meteorolóxicas nin a orografía facilitan a extinción do incendio da Pobra do Brollón, que, vintecatro horas despois, avanza sen control.
O lume móvese con rapidez e con gran voracidade polas dúas marxes do río Lor. Chegou a ameazar ata sete núcleos de poboación, parte deles no concello veciño de Quiroga.
Á media tarde, e malia todos os esforzos por parar o lume na parroquia de Vilachá, o incendio cruzou o río Sil uns quilómetros máis arriba. Os traballos céntranse agora en que as lapas non avancen ladeira arriba cara a Torbeo, xa no municipio de Ribas de Sil.
Carballedo-A Cova: 100 hectáreas
Desde as 11.30 horas do domingo 24 permanece controlado o incendio forestal do concello lucense de Carballedo, parroquia da Cova, que se orixinou o xoves 21 ás 18.14 horas e no que tivo que decretarse a Situación 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Oleiros, unha situación operativa xa desactivada. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 100 hectáreas.
Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 técnicos, 25 axentes, 44 brigadas, 33 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións.