Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha aperta de mans desencadeou a liorta de Ribeira

Unha aperta de mans desencadeou a liorta de Ribeira

A lea multitudinaria entre dúas familias que celebraban unha pedida de man deixa un morto e 6 detidos

Reforzo policial en Ribeira e Santiago en previsión de represalias

Unha pelexa con paus e armas brancas Unha pelexa con paus e armas brancas
G24.gal 02/07/2025 20:11 Última actualización 02/07/2025 20:42

Levaban catro horas celebrando unha pedida de man neste local social da parroquia de Artes, en Ribeira. A familia dela era da vila, e a do noivo, de Santiago.

Todo se precipitou, di algún dos presentes, por un motivo moi banal: "Foi por unha aperta de mans que houbo alí. Apertoulle a man moi forte e fíxolle dano".

Comezaba así unha liorta que pronto se trasladou ao aparcadoiro, onde se desatou unha batalla campal con paus e armas brancas.

"Viñeron con cadeiras, paus, machetes", conta un dos agredidos.

"A botellazo limpo e con bastóns, algúns de madeira, outros de ferro", explica outra testemuña.

Os ánimos non os calmaron nin os disparos ao aire da policía. Na fuxida, un dos vehículos atropelou o único falecido, da familia santiaguesa, unha morte da que se culpan mutuamente.

"Esa morte non fomos nós, foi o seu propio irmán", conta un membro da familia ribeirá.

Varios dos 6 detidos foron interceptados na peaxe de Teo, xa entrando en Santiago, e outros nesta casa próxima á Lavacolla. A liorta deixou 10 feridos. Nove xa recibiron a alta, pero hai un grave no hospital de Conxo.

"Colleron un curmán meu só e déronlle un machadazo no pescozo", narra un implicado.

“E despois de darlle coa catana caeron cinco contra el e non o deixaban levantarse", engade a tía do ferido.

Durante uns días haberá controis policiais en Ribeira e Santiago en previsión de represalias.

“Que coma 20 anos de cárcere polo menos, porque se non imos ir por un deles”, ameaza un dos parentes.

Por seguridade, non se informou de cando pasarán os detidos á disposición xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade