Entrega de premios da décima edición da Regata Rei Xoán Carlos en Sanxenxo
Xoán Carlos I participou no evento despois de saír a navegar durante estes días catro mangas
Participaron 180 barcos e deportistas de once nacionalidades
A Regata Xoán Carlos I rematou xa e o rei emérito continuará en Sanxenxo ata o martes. Esta tarde entregáronse os premios desta competición e tamén os do Trofeo Presidente da Xunta, coa presenza de Alfonso Rueda.
Despois de tres días de competición rematou a décima edición da Regata Xoán Carlos I El Corte Inglés na que participaron 180 barcos e deportistas de once nacionalidades.
Na categoría 6M, que é na que participou o rei emérito, venceu a embarcación Joy, do Náutico de Portosín. Xoán Carlos I, que finalmente puido navegar 4 mangas na ría de Pontevedra, rematou en cuarta posición a bordo do Erica, xa que o Bribón está en Nova York porque o martes van comezar os adestramentos do mundial 6M.
De feito, a visita do pai do Rei, a sexta a Sanxenxo neste 2025, remata o martes para viaxar aos Estados Unidos. Coma sempre, a axenda de Xoán Carlos I non é oficial, porque esta foi unha visita privada.
Na entrega de premios Alfonso Rueda entregou o Trofeo Presidente da Xunta. O Botafumeiro de Prata foi para o barco Mirfac, da Comisión Naval de Regatas de Ferrol.