Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen outras seis persoas implicadas na pelexa mortal entre dúas familias en Ribeira

Deteñen outras seis persoas implicadas na pelexa mortal entre dúas familias en Ribeira

Os axentes sospeitan que un dos arrestados foi o responsable do primeiro atropelo que sufriu a vítima mortal da liorta

Xa son unha ducia as persoas detidas

G24.gal 09/07/2025 19:52 Última actualización 09/07/2025 20:20

A Policía Nacional detivo este mércores seis homes máis pola pelexa multitudinaria ocorrida o pasado 1 de xullo en Ribeira, na que morreu un home e varias persoas resultaron feridas.

As detencións realizáronse arredor das 11.00 horas no poboado da Conlleira, durante unha ampla despregadura policial.

Os arrestados están acusados de participar nunha lea tumultuaria, aínda que a un deles impútaselle un delito de homicidio en grao de tentativa e a outro, lesións graves.

Todos permanecen na comisaría de Ribeira e está previsto que pasen a disposición xudicial o venres.

Un dos anteriores detidos, en prisión preventiva

Estes seis novos detidos súmanse aos outros seis arrestados a semana pasada en Santiago.

Cinco deles quedaron en liberdade con cargos, mentres que o sexto ingresou en prisión preventiva tras declarar o 4 de xullo no Xulgado de Instrución número 2 de Ribeira.

A ese home atribúeselle a condución dun dos vehículos que atropelaron o falecido, do que era familiar. Está acusado de homicidio (imprudente ou doloso), lesións con instrumento perigoso e atentado contra a autoridade.

A xuíza tamén prohibiu a dous dos detidos en liberdade entrar no termo municipal de Ribeira.

Liorta tras unha pedida de man

Os feitos ocorreron durante unha pedida de man celebrada no Centro Recreativo de Artes, onde se desatou unha pelexa con numerosas persoas implicadas.

A consecuencia, un home faleceu e varios resultaron feridos. A semana pasada, as forzas de seguridade reforzaron a vixilancia tanto nos xulgados como na localidade para evitar novos altercados.

Os primeiros seis detidos, catro homes e dúas mulleres, foron interceptados na peaxe da AP-9 cando se dirixían a Santiago, onde reside unha das familias implicadas. O ferido hospitalizado daquela recibiu a alta o xoves pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade