O embaixador e a Armada do Perú renden homenaxe ás vítimas do Villa de Pitanxo
A presenza do buque escola BAP Union da Armada peruana serviu como gancho para a emotiva lembranza
Das 21 vítimas mortais no naufraxio ocorrido en febreiro do ano 2022, dez tiñan orixe peruana
Os falecidos do Villa de Pitanxo recibiron esta mañá un emotivo acto de lembranza e homenaxe, organizado pola embaixada do Perú, aproveitando a escala no peirao vigués do buque escola da súa Armada, o "BAP Union".
O embaixador do Perú presidiu xunto ao presidente da autoridade portuaria de Vigo e os mandos da comandancia naval o recoñecemento aos mariñeiros que perderon a vida no naufraxio do arrastreiro con base en Marín en febreiro de 2022. Dez das 21 vítimas eran de orixe peruana.
"Nestes eventos aínda permanece esa tristeza e esa dor porque non podemos dicir xa rematou isto", manifesta Carolina Alcántara, viúva de Jonathan Calderón, mariñeiro peruano falecido no naufraxio do Villa de Pitanxo.
"Agradecida pola presenza dos peruanos que viñeron á homenaxe, pero eu aínda levo dentro un fondo pesar", engade Gloria Salinas, nai de Edwin Córdoba, vítima de orixe peruana.
A presenza no porto vigués do buque escola da Armada peruana, que vai estar ata o mércores no peirao de trasatlánticos, serviu como gancho para este acto, en que se puxeron de manifesto os lazos que os dous países teñen entre si e co sector pesqueiro.
"O Perú e España son países mariñeiros, moi unidos e moi vencellados, como o estamos demostrando hoxe, coa presenza do noso fermoso buque escola da Armada no porto de Vigo", sinala Luis Ibérico Núñez, embaixador en España do país suramericano.
O caso do Villa de Pitanxo segue o seu curso na Audiencia Nacional. O xuíz Ismael Moreno acaba de decretar unha nova prórroga de seis meses para completar a investigación sobre o sinistro antes de levalo a xuízo.
"Seguimos confiando moito na xustiza, coas mesmas forzas e pelexando polo noso lema de xustiza ata o final", di Lucía de Pazo, filla dun dos mariñeiros galegos que perdeu a vida no naufraxio.
Mentres non chega a hora da xustiza, as familias agradecen o apoio para axudarlles a levar o dó polos que xa non están aquí.