Un accidente de helicóptero no Perú deixa quince mortos, entre eles sete menores
A aeronave participaba en labores de busca polas inundacións na rexión de Arequipa
Imaxe de arquivo. Europa Press / Carlos Garcia Granthon
Os quince ocupantes dun helicóptero militar peruano faleceron tras esnafrarse a aeronave o domingo no sur do país. Entre as vítimas había sete menores.
Patrullas das forzas especiais do Exército localizaron este luns os restos do aparello nas proximidades de Chala Viejo, na rexión de Arequipa.
O helicóptero, un Mi-17 de fabricación rusa, perdeu o contacto cos controladores arredor das 16:30 hora local.
Traballaba no rescate de afectados polas inundacións
A aeronave desprazábase desde Pisco ata Chala para participar en tarefas de busca e rescate de persoas afectadas polas inundacións que golpean Arequipa.
A bordo viaxaban catro tripulantes e once pasaxeiros, segundo informou a Forza Aérea do Perú.
A Forza Aérea trasladou as súas condolencias ás familias das vítimas e anunciou a activación inmediata da Xunta de Investigación de Accidentes para esclarecer as causas do sinistro.
As intensas choivas rexistradas nos últimos días no sur dos Andes peruanos provocaron inundacións recorrentes en Arequipa tras o desbordamento dos leitos dos ríos.
Antes deste accidente aéreo, polo menos dúas persoas morreron na rexión a causa dos aluvións.
As autoridades contabilizan arredor de 150 damnificados e danos en case medio milleiro de vivendas.