Publicador de contidos

Publicador de contidos

Morre o escritor peruano Bryce Echenique aos 87 anos

Morre o escritor peruano Bryce Echenique aos 87 anos

É un dos referentes da xeración posboom da narrativa latinoamericana

G24.gal 10/03/2026 16:46 Última actualización 10/03/2026 17:03

O escritor peruano Alfredo Bryce Echenique faleceu aos 87 anos, segundo confirmou a Casa da Literatura Peruana e a Cátedra Vargas Llosa nas súas redes sociais.

"Lamentamos profundamente a partida do escritor peruano Alfredo Bryce Echenique, unha das voces máis representativas da literatura peruana contemporánea. A súa obra, que abrangue novela, conto, ensaio e memorias, deixou unha pegada significativa en varias xeracións de lectores", sinalou a Casa da Literatura Peruana na rede social X.

A morte do autor de novelas como 'Un mundo para Julius' e 'La vida exagerada de Martín Romaña' foi comunicada, nun primeiro momento, por medios como o diario El Comercio e a emisora RPP, que citaron fontes próximas ao escritor.

A información foi confirmada despois por Álvaro Vargas Llosa, o fillo maior de Mario Vargas Llosa, quen manifestou en X o seu "enorme pesar" pola morte de Bryce, ao que cualificou como "un dos grandes escritores peruanos e da lingua española das últimas décadas".

"Aos seus lectores, aos seus parentes, o meu máis sentido pésame. A súa obra sobrevivirao, sen dúbida ningunha", remarcou.

O tamén escritor peruano Jorge Eduardo Benavides, nunha mensaxe en X, sinalou: "Esta mañá deixounos o queridísimo amigo Alfredo Bryce Echenique. Non só foi un grandísimo escritor, cun estilo absolutamente persoal, certeiro, fino, cheo de deliciosos achados que contribuíron a edificar un inmenso mundo narrativo; foi tamén unha gran persoa e un amigo leal, cariñoso e cheo de detalles e atencións".

Bryce Echenique, quen naceu en Lima un 19 de febreiro de 1939 e estudou na Universidade Nacional Mayor de San Marcos (UNMSM), saltou á fama tras obter unha mención honorífica no premio Casa das Américas de conto de 1968 coa súa colección de relatos Huerto cerrado.

Ademais de ser autor de novelas, contos, ensaios e memorias, Bryce formou parte dunha tríade de grandes escritores peruanos contemporáneos, co premio Nobel de Literatura Mario Vargas Llosa e o contista Julio Ramón Ribeyro, considerados os tres grandes narradores da segunda metade do século XX no Perú e entre os máis destacados de Latinoamérica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade