Tempo de poñer a horta
Pementos, tomates e cebolas son os produtos máis demandados neste tempo
O impoñente mosteiro de San Salvador converte o rianxo de Celanova nun mercado de película. Coma nos tempos antigos, os veciños das aldeas da contorna achéganse á praza da vila para facérense cos renovos.
Neste tempo, o que máis abonda son cebolas, pementos e tomates, iso si, nunha ampla variedade.
"Corazón de boi rosado, xigante rosado, xigante vermello, amarelo, mar azul...", enumera un vendedor.
Aínda hai risco de xeadas, así que cómpre ter conta á hora de plantar.
"Xa se pode ir plantando, pero hai que telos en invernadeiros". "Hai que cubrilos un pouco, poñerlles protección para o frío", comentan dous vendedores.
É a época para poñer a horta por varios factores, desde o bo tempo á fase da lúa, que inflúe, por exemplo, no crecemento das cebolas.
"Hai que poñelas na lúa chea para que non se saian, pero poden saírse igual", sinala unha compradora.
Sobre os prezos non hai unanimidade. Caro para os compradores e practicamente regalado para os vendedores.
"Máis ou menos coma o ano pasado, uns céntimos máis porque hai que poñerse ao día". "Pementos a dez euros a ducia, pero hainos a 8, segundo sexan de grandes", explican dous vendedores.
Tamén levan plantas ornamentais, arbustos e froiteiras. O renacer do campo na primavera.