Restablecen o paso de peóns na parte da muralla de Lugo afectada polo derrubamento
Os traballos de reconstrución, que se calculan que poden durar ata uns tres meses, iniciáronse coa retirada das pedras que se van reutilizar na reparación da Muralla
(EFE/Eliseo Trigo)
A Xunta de Galicia iniciou os traballos de reconstrución dun tramo da muralla romana de Lugo que se derrubou o pasado sábado pola noite á altura da rúa do Moucho como consecuencia das intensas choivas das últimas semanas.
Logo de realizar as primeiras tarefas de desentullo e consolidación para garantir a seguridade, quedou restablecido o paso de peóns polo adarve, a pesar de que a zona afectada polo derrubamento permanece perimetrada.
O delegado territorial, Javier Arias, supervisou o inicio das actuacións, e explicou que non se permite o tránsito pola Rúa do Moucho para facilitar o traballo dos operarios, que xa limparon a rúa e amontoaron de forma ordenada as pedras que se desprenderon do monumento para reutilizalas na reparación do mesmo.
Con respecto á duración da obra, o arquitecto encargado da restauración, Ignacio López de Rego, mostrouse cauto e evitou dar unha data concreta, aínda que tamén lle confirmou a EFE que será executada "o máis rapidamente posible".
"Hai que ver que hai dentro, non sei como vai estar a escaleira", argumentou, pero estima que non será unha intervención longa. "Será un par de meses, tres meses, por aí, como moito", se non xorden imprevistos, sinalou.
Tras o derrubamento, a administración autonómica decidiu realizar “unha inspección completa do trazado da muralla” para comprobar se existen outros danos.
O delegado territorial destacou a rapidez da resposta da Consellería de Cultura, subliñando que a Muralla é "un ben de valor histórico, cultural e simbólico incalculable para Lugo".